Salvemos Cabana alerta da “ameaza” dunha eólica para paisaxe e patrimonio da Costa da Morte

Zona afectada polo parque eólico Monte Agrelo e Muriño

O parque eólico Monte Agrelo e Muriño a instalar en Bergantiños e Zas, contempla 7 aeroxeradores "de 200 metros de alto en punta de pa" nunha zona que o colectivo considera xa saturada destes proxectos.

A asociación de defensa ambiental Salvemos Cabana chama a presentar alegacións ante o proxecto da multinacional EDP Renovables, que pretende instalar entre Cabana de Bergantiños e Zas un total de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa.

Un proxecto, sosteñen, que prexudica directamente “algunhas das mellores contornas rurais do noroeste peninsular na área de afectación visual de monumentos como o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de alto valor etnográfico e patrimonial como San Fins do Castro”.

A propia empresa promotora, afirma Salvemos Cabana nun comunicado, recoñece un alto nivel de impacto cunha visibilidade total calculada para o parque eólico de 37.359 hectáreas, “o que imposibilita a súa integración paisaxística debido á gran magnitud dos aeroxeradores propostos, de 122,5 metros de altura de núcleo e 155 de diámetro de rotor”.

O proxecto ubicaríase nunha contorna xa sobresaturada de proxectos con 12 parques eólicos xa en funcionamento e 55 aeroxeradores en 10 km.

Ademáis,prosegue este colectivo, a evacuación da enerxía do parque eólico dende a subestación eléctrica transformadora (SET) realizarse a través dunha liña aérea de 220 kV con destino Meirama cunha notable afectación a nivel de territorio.

“Resulta imposíbel obviar os fortes impactos sinérxicos e acumulativos do parque eólico Monte Agrelo e Muriño nunha contorna xa sobresaturada de proxectos con 12 parques eólicos xa en funcionamento e 55 aeroxeradores en 10 km. á redonda e nunha área de desenvolvemento que soporta actualmente 22 parques eólicos e un total de 112 aeroxeradores”

Doutra parte, ”non hai que olvidar a afección directa que o proxecto terá sobre a contorna visual de monumentos como o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de alto valor etnográfico e patrimonial como San Fins do Castro pois a parroquia de Cesullas, en Cabana de Bergantiños, é unha das zonas máis prexudicadas. É un feito que o turismo sostíbel, como motor de desenvolvemento a nivel local e comarcal, verase directamente afectado”.