Medio Ambiente

Ecoloxistas en Acción lanza a campaña 'Salvamontes' para recoller apoios contra GS360

Estadio para o Celta Fortuna proxectado no marco do macrocomplexo 'Galicia Sports 360', en Mos. (Foto: RC Celta)
O movemento 'Salvamontes', que defende o patrimonio natural con actividades e divulgación, arrinca cun vídeo de animación sobre a perda de mananciais de auga e o dano ao ecosistema que causaría o macroproxecto do Celta GS360.

Ecoloxistas en Acción lanza esta quinta feira o movemento 'Salvamontes', que nace como unha plataforma cidadá composta por persoas e asociacións "comprometidas coa defensa e posta en valor da contorna natural", e en particular dos montes, a través da achega de información e a realización de diversas actividades. O obxectivo é "concienciar á cidadanía sobre o valor da superficie forestal e a necesidade de preservala", cun obxectivo fundamental moi claro: deter o proxecto 'Factoría do Deporte Galego - GS360'; é dicir, o macroproxecto impulsado polo Real Club Celta nos montes de Tameiga, en Mos.

O movemento 'Salvamontes' quere "sensibilizar sobre o valor do terreo no que se pretende construír", sumar apoios e recoller sinaturas para que non se leve adiante este proxecto que consideran moi "lesivo" para o medio. 'Salvamontes' arrinca cunha nova páxina webque se pode consultar nesta ligazón— e unha animación para expor, "de forma sinxela e didáctica", os "problemas" derivados do proxecto "industrial, deportivo e comercial" do Celta.

"Construirías un estadio de fútbol nas illas Cíes?", cuestionan. Con este chamado de atención pretenden pór en valor a superficie afectada por esta iniciativa empresarial privada, un terreo rústico de especial protección e polo tanto "un ecosistema de grande interese patrimonial" que, ademais, proporciona "auga e biomasa a miles de veciños e veciñas" de Mos.

 

"Un monte comunal que actúa como un auténtico pulmón verde para a área de Vigo e espazo de esparexemento moi valorado e utilizado pola cidadanía", inciden. Desde Ecoloxistas tamén alertan que o proxecto GS360 suporía a "perda dunha ampla masa forestal de uso público", pois afecta directamente "uns 300.000 metros cadrados" de monte comunal, "en beneficio exclusivo dunha entidade privada que construiría “infraestruturas duplicadas e innecesarias", entre as que nomean un estadio para o Celta Fortuna, novos espazos comerciais, un hotel, edificios e estradas.

Para Ecoloxistas en Acción existe un "risco real dunha enorme perda social, ambiental e incluso económica", a que conlevaría "devastar estes montes", que agochan uns acuíferos que abastecen de auga máis de 5.000 persoas en Mos. E precisamente este foi o motivo de que a Confederación hidrográfica Miño-Sil (CHMS) informase desfavorabelmente do proxecto, perante unha resolución vinculante coñecida esta cuarta feira. "Estes acuíferos desaparecerían de construírse o GS360", censuran as ecoloxistas.

'Salvamontes', unha plataforma aberta a persoas e asociacións, fai un chamamento a mobilizarse contra un GS360 que a Xunta da Galiza "está a apoiar, tramitando a súa declaración como proxecto de interese autonómico", o que na práctica abriría a porta á expropiación do terreo, "como se se tratase dunha actuación pública coama unha autoestrada ou hospital".