Medio Ambiente

O informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil 'tomba' a Cidade Deportiva do Celta en Mos

Aspecto de parte das infraestruturas que conformarían o complexo 'Galicia Sports 360'. (Foto: RC Celta)

Ecoloxistas en Acción celebra que o informe "preceptivo e vinculante" da Confederación hidrográfica Miño-Sil confirme a insuficiencia hídrica e sexa desfavorábel ao desenvolvemento do proxecto GS-360 nos montes comunais de Mos.

Ecoloxistas en Acción celebra que a Confederación hidrográfica Miño-Sil (CHMS) informe desfavorabelmente ao proxecto GS360 (Cidade Deportiva do Celta en Mos) no trámite aberto pola Xunta da Galiza para declarar dito proxecto de interese autonómico (PIA).

O informe do organismo de bacía, sinalan desde Ecoloxistas en Acción, fai un pronunciamento desfavorábel en canto á dispoñibilidade xurídica dos recursos hídricos necesarios para o desenvolvemento do PIA, “ao non atoparse, na documentación aportada, claramente avaliados estes nin a súa procedencia”. Ademais no informe a CHMS recalca que no proxecto non se ten en contan as necesidades da poboación de Mos nin “o futuro das concesións que se poden ver afectadas”.

Dito informe é preceptivo e vinculante, sinala este colectivo, polo que a organización ecoloxista considera que a insuficiencia hídrica sinalada pola CHMS condiciona totalmente a tramitación do PIA, xa que esta eiva non é subsanábel no curto prazo.

Ecoloxistas en Acción destaca que a propia construción do proxecto GS360 agravaría a escaseza de auga, xa que a construción dun proxecto desta envergadura, ocupa 150.000 m2 de terreo forestal, coma o proxectado polo ex presidente do Celta de Vigo no monte comunal de Tameiga, e é moi prexudicial para as captacións de auga, “porque que pon en risco nacementos e canles de regos dada a fraxilidade da capa xeolóxica” 

Subliñan que unha vez executado o proxecto reducirase significativamente a capacidade de infiltración en toda a zona debido á propia transformación do relevo e aos movementos de terra en primeira instancia e, sobre todo, de xeito permanente en todas aquelas áreas que se vexan sometidas a algún tipo de pavimentación.

“A Confederación hidrográfica deixa ben claro que non hai auga suficiente para abastecer o millón de litros diarios que demanda o GS360, pero ademais o despropósito é tan grande que os promotores do GS360 teñen anunciado a construción dun gran parque de atraccións de auga no complexo de ocio”, asegura Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Alertan que a pretendida reclasificación dos terreos, actualmente solo rústico de especial protección, abriría as portas a un boom urbanístico: estadio arena, hotel, restaurantes, tendas de ocio e aparcamentos para 1.200 vehículos co conseguinte incremento do tráfico rodado. “Unha presión urbanística que os acuíferos da zona non poden soportar e secaran á mínima que haxa escaseza de precipitacións”, aseguran desde Ecoloxistas en Acción.

O informe da Confederación hidrográfica non é o único desfavorábel no trámite da declaración do PIA. Segundo Ecoloxistas en Acción pódese considerar contrarios e con eivas insalvábeis os informes do Concello de Vigo e da Consellaría de Infraestructuras e Mobilidade.

Ecoloxistas en Acción considera que o informe vinculante da Confederación sumado aos outros informes desfavorábeis ten que implicar a anulación inmediata do PIA e a denegación do proxecto GS 360 nos montes comunais de Tameiga. ”Todos estes informes desfavorábeis poñen fin ao intento da Xunta de legalizar polas bravas unha cidade deportiva declarada ilegal pola Xustiza” declaran desde a organización ecoloxista e aseguran que acudirán aos tribunais se a Xunta non acata os informes negativos e continúa co procedemento. 

“Agardamos que o Partido Popular non se atreva a tanto, pero no caso de que continuara co trámite do PIA saltándose a lei, desde logo presentaremos unha querela por prevaricación contra o Consello da Xunta”, afirma Cristóbal López.