crise dos pellets

Salvamento Marítimo non localiza ningún saco entre Cabo Silleiro e Ortegal

Pellets de plástico na praia coruñesa de Sabón. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O operativo deste domingo, no que o helicóptero Helimer HS401 de Salvamento Marítimo buscou pola zona de Valdoviño, terminou tamén sen resultados.

O avión AS 102 Rosalía de Castro de Salvamento Marítimo realizará esta segunda feira labores de avistamento de sacos de pellets no mar entre a zona de Cabo Silleiro e Ortegal. Segundo informou a Delegación do Goberno español na Galiza, de acordo co protocolo estabelecido na reunión do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental da Galiza (Camgal), o avión e mais outro helicóptero partiron pola mañá mais, até o momento, non puideron localizar ningún saco.

Así, actuarase preferentemente na área entre Cabo Silleiro e Ortegal, aínda que o percorrido optimizarase segundo as condicións meteorolóxicas. O operativo deste domingo, no que o helicóptero Helimer HS401 de Salvamento Marítimo buscou pola zona de Valdoviño, tamén terminou sen resultados.

Sete sacos

A Xunta da Galiza, pola súa parte, informou este domingo que os seus efectivos lograron recoller durante a xornada do sábado o equivalente a sete sacos de pellets plásticos nas praias da Galiza, ademais dun recuperado da auga intacto na costa de Valdoviño polo helicóptero Pesca 1 de Gardacostas. Así, a Xunta di recuperar até a data o equivalente a 90 sacos de pellets, nove deles na xornada do sábado, na cal se despregaron en 56 areais de 34 concellos un total de 300 efectivos.

Aliás, as condicións meteorolóxicas para a chegada de pellets e outros residuos ao litoral galego foron "propicias" a partir da tarde do sábado e, especialmente, o domingo, segundo Meteogaliza.