O Salón Gastronómico Internacional premia a estratexia turística da Deputación da Coruña

Xosé Regueira recibe o premio Xantar da man do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez [Imaxe Xantar]

Xantar galardoou a iniciativa impulsada desde o goberno provincial. 

 

O Salón Gastronómico Internacional, Xantar, que decorreu entre os días 5 e 7 de febreiro en Expourense premiou como mellor iniciativa turística da 17ª edición a estratexia deseñada pola Deputación da Coruña. 

O galardón foi recollido por Xosé Regueira, responsábel da área de Turismo; xunto con representantes de Matosinhos, recoñecida como a mellor proposta achegada desde Portugal; Inorde, como mellor restaurante e Aceites Abril como mellor iniciativa agroalimentaria. 

No encontro internacional tamén foron premiados Matosinhos, o restaurante Inorde e Aceites Abril

Na recollida do premio, Regueira asegurou que o recoñecemento non é só á Deputación como impulsora da proposta senón tamén dos concellos que integran os seis destinos que a vertebran. 

“O recoñecemento de Xantar é tamén un premio para os seis destinos que, dunha maneira ou outra, foron os protagonistas da nosa presenza en Xantar, aos concellos, entidades e empresas que viñeron canda nós coa confianza de que temos un bo produto e queremos aproveitar todas as posibilidades para promocionalo”, defende Xosé Regueira.

A estratexia turística da Deputación da Coruña baséase na promoción de 6 destinos através dos seus produtos

Aliás, o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña asegurou que “o Turismo é un sector chave no desenvolvemento económico e na creación de emprego polo que, para nós, é fundamental participar nos foros e plataformas que promocionen os nosos destinos. Ademais, se queremos que a oferta turística da Coruña teña presenza nas distintas feiras e encontros, non podemos menos que apoiar coa nosa presenza unha iniciativa como Xantar que ten lugar no noso propio territorio”.