Conquistar o turismo polo bandullo

A Deputación da Coruña presentou a súa estratexia turística baseada na "cooperación" entre concellos e na gastronomía local.

O goberno provincial da Coruña, através da área de Cultura, vén de presentar a súa estratexia de promoción turística en Xantar, un foro no que a Deputación estivo ausente nos últimos anos. 

A iniciativa deseñada propón "unha provincia" en "seis destinos". "Rías Altas: Ferrolterra e Eume", "Rías Altas: A Coruña e As Mariñas", "Costa da Morte", "Terras de Santiago", "Rías Baixas: Ría de Muros e Noia" e "Rías Baixas: Ría de Arousa", explicaron a vice-presidenta da Deputación e o responsábel da área de cultura, Xosé Regueira que queren empregar a gastronomía como un elemento chave da estratexia. Porén, subliñaron, a proposta baséase na cooperación entre os distintos concellos. 

Trátase dunha liña de traballo na que afondamos desde distintos ámbitos, convidando a seren os concellos os verdadeiros protagonistas", dixo a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín

Así o explicaron no 17º Salón Internacional de Turismo Gastronómico que celebrou o 4 de febreiro na Coruña.  "Nos seis destinos, a oferta gastronómica de calidade é referencia para o sector e un dos principais reclamos para atraer público que busca o benestar en espazos de riqueza natural e patrimonial con produtos e gastronomía de nivel", sinalou Goretti Sanmartín. 

Para presentar a proposta a Deputación da Coruña optou por mesturar tradición e modernidade presentando distintos produtos através de dous showcookings, isto é, comida ao vivo, aproveitando que "Xantar é un escaparate para os produtos da provincia acaído para mostrar a calidade de oferta dos destinos, a aposta por un turismo sustentábel da que a nosa gastronomía é un exemplo". 

Pola súa banda, Xosé Regueira puxo en valor foron e encontros como Xantar e Fitur nos que poder dar a coñecer a oferta turística da provincia. "Consideramos que o turismo é un sector estratéxico e chave para a recuperación económica e a creación de emprego por iso consideramos necesario estar presentes en feiras e mercados, cunha aposta decidida polo turismo sustentábel e de calidade", defendeu o responsábel da área de Turismo da Deputación, o nacionalista Xosé Regueira.