Sae o terceiro premio do sorteo, o 11.840, vendido en Vigo, O Grove, Noia, Ferrol, Lugo, Meira e Viveiro

Axiel Kyron Abas e Ainhoa Rosero Gómez cantaron o terceiro premio da Lotaría de Nadal. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Consulta en Nós Diario as localidades agraciadas.

O número 11.840 resultou agraciado co terceiro premio do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, dotado con 50.000 euros ao décimo, 2.500 euros por euro xogado. O número foi cantado ás 9.49 horas no segundo arame da primeira táboa.

O premio estivo moi repartido en todo o Estado español e tamén na Galiza, con décimos vendidos en Vigo, O Grove (O Salnés), Noia (comarca homónima), Ferrol, Viveiro (A Mariña), Meira (comarca homónima) e Lugo, onde tamén se vendeu o quinto premio (37.876).

O groso deste terceiro premio na Galiza tocou nun estanco da cidade de Lugo, situado no número 492 da avenida da Coruña. Vendeu 25 décimos, o que significa que tocaron 1,25 millóns de euros.

Ademais, vendéronse series completas —dez décimos— do 11.840 en locais de Ferrol (estrada de Castela, 93), Viveiro (Praza Maior, 6), O Grove (rúa Luís Seoane, 2) e Vigo (rúa Zamora, 58). Todas elas suman dous millóns de euros en premios.

No municipio de Meira, o estanco situado no número 14 da Praza Maior vendeu catro décimos deste terceiro premio, o que implica que tocaron 200.000 euros en total. Tamén se venderon décimos soltos do 11.840, agraciados con 50.000 euros cada un, en Noia, Lugo, Vigo, Cortegada e O Porriño.

Os premios do Sorteo Extraordinario de Nadal 2024 comezaranse a aboar desde a tarde do 22 de decembro, cando finalicen tanto as verificacións dos números extraídos como os procesos informáticos, como é habitual, e até o 24 de marzo de 2025.

Se os premios son inferiores a 2.000 euros por cada décimo ou resgardo, pódense cobrar exclusivamente nun dos 10.884 puntos de venda da rede comercial de Lotarías, a partir da tarde do 22 de decembro. Neste caso, o premio pode cobrarse en metálico ou a través de Bizum.

Os premios dun importe igual ou superior a 2.000 euros cobraranse nas entidades financeiras autorizadas: BBVA Caixabank.