Sabotan en Bande o busto de Eugenio Montes, “un dos fundadores da Falanxe”, no 83 aniversario do golpe franquista

Verteron pintura rosa sobre a figura do escritor e político que hai nunha praza desta localidade da comarca da Baixa limia. Agora Galiza reivindicou a acción, así como pintar unha cruz dedicada a Primo de Rivera no Porriño.

Esta quinta feira, 18 de xullo, 83 aniversario do golpe de estado franquista, o busto de Eugenio Montes en Bande amenceu pintado de cor rosa, nunha acción reivindicada por Agora Galiza  contra o que cualifican como “um dos fundadores teóricos da Falange”.

Non foi esta a única acción desenvolvido nestas horas, Agora Galiza informou tamén que “sabotamos baixo relevo, cinzelado fachada principal igreja de Santa Maria da Conceçom, na rua Manuel Rodríguez de Porrinho. A gigante cruz dedicada fundador da Falange, José Antonio Primo de Rivera e vizinhos da vila da Lourinha, foi pintada de cor-de-rosa”.

Eugenio Montes Domínguez (Vigo 1900 -Madrid ,1982) foi un político e escritor galego. En 1933 foi un dos fundadores de Falange Española. Acompañou José Antonio Primo de Rivera nas súas viaxes á Alemaña e á Italia fascistas (1934-1935). Colaborou con artigos e conferencias á difusión da ideoloxía falanxista.

O rosa foi a cor empregada tradicionalmente na década dos 90 e principios do SXXI polo independentismo galego para tinxir estatuas e simboloxía franquista na Galiza, en accións de denuncia.