Os sabores da cociña vasca e a contorna natural da unión do Miño e o Sil nos Peares, no suplemento 'Gozar'

O novo número do caderno Gozar, que atoparás este sábado 10 de abril nos quiosques xunto con Nós Diario, ofrece unha viaxe gorentosa polas sobremesas saudábeis de Media Laranxa mais por algúns dos pratos tradicionais da cociña vasca. A estes sabores únense os do viños de Xico de Mandín, da Denominación de Orixe Monterrei baixo o nome de Couto Mixto. E para alixeirar, un paseo á beira do río Miño até o punto no que o Sil sae ao seu encontro, nos Peares.

 

Este sábado no quiosque, Nós Diario ofrece unha nova edición do semanario Sermos Galiza mais tamén do suplemento Gozar, onde expertas e expertos achegan os mellores produtos, viaxes e propostas de ocio e gastronomía da Galiza.

Noemí García é a encargada de abrir o caderno cunha serie de "alternativas saudábeis para caermos na tentación dos doces". Entre outros, o tradicional Arroz con leite e o leite frito. Son algunhas das sobremesas de Media Laranxa.

Anxo Fole sumará as súas propias propostas azucradas nun artigo no que nos guía "polas comidas máis populares de Euskadi, desde os pintxos até os doces". Guildas, marmitaco, porrusalda e carolinas, son algúns dos pratos escollidos polo autor que poñen ollo nos produtos do mar e da horta.

Viños na Raia e paseo da Peroxa aos Peares

O 'Paraíso de viñedos' convídanos a visitar a Raia. Entre Verín e Chaves, no lugar de Mandín, Francisco Pérez Diéguez, Xico de Mandín, colleita o seu propio viño baixo o nome de Couto Mixto, apegado á terra. Segundo relata Puri Caldelas Rodríguez, Xico considérase "un labrego que fai viño", neto de viticultores con case catro hectáreas de terreo no marco da Denominación de Orixe Monterrei.

Baixo o título 'Gozar da Peroxa aos Peares', Ramsés Pérez, convídanos a anadar a Ruta do río Miño, "un sendeiro homologado baixo a epígrafe PR-G 179, cunha dificultade media, duns 11 quilómetros, lineal e fundamentalmente de baixada".

O paseo permite unha vota circular de 16 quilómetros entre castelos, sobreiras, exemplares do tritón pintafontes verde, mimosas e herba da fortuna, dúas das especies invasoras máis comúns no territorio.

A demais, o suplemento gozar inclúe as achegas do guía Guido Álvarez Parga, a escritora de viños Lorena Costas e o músico de SonDaRúa Hugo Domínguez Groba, e Eva Cameán.