A privatización dos rexistros civís custaría 180 millóns anuais á cidadanía

[Imaxe: CIG]

O re-pagamento obrigaría a pagar un mínimo de entre 20 e 30 euros polas partidas de nacemento, de defunción ou por casar polo civil. Nesta semana realizaranse protestos na Coruña e en Ferrol. 

 

A privatización dos rexistros civís custaría 180 millóns ao ano pagados en forma de tributo pola cidadanía e deixa no ar o emprego de 3.500 persoas en todo o Estado. Son os dados das centrais sindicais, que están a convocar mobilizacións en todo o País contra o re-pagamento deste servizo.

O 5 de decembro de 2012, o Goberno español recoñeceu nun comunicado de imprensa que estaba a traballar nunha reforma dos rexistros civís.

Este servizo pasaría a ser privado e a depender d@s rexistrador@s da propiedade, área á cal pertence o propio presidente español, Mariano Rajoy. Mais non só el, senón tamén dous dos seus irmáns e a nora do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón. 

Un servizo que foi público desde 1870

Desde aquela até hoxe os protestos en contra da privatización dos rexistros non deixaron de se suceder. A última foi en esta sexta feira en Vigo e para a semana que entra están convocadas máis dúas na Coruña e en Ferrol para denunciar as intencións do Executivo español de facer negocio cun servizo que foi público desde a súa creación, en 1870, e que obrigaría á cidadanía a pagar un mínimo de entre 20 e 30 euros polas partidas de nacemento e defunción ou por casar polo civil. 

Con todo, a reclamación de re-pagar por estas actividades non é nova. Durante o goberno do PSOE en Madrid, o lobby que conforman os irmáns de Mariano Rajoy nos rexistros da propiedade reclamaron xa a entrega da levanza dos rexistros civís.

128 millóns públicos para ferramentas que agora van de balde a mans privadas

Na mesma data en que anunciou a privatización, o Goberno central comprometeu tamén un investimento de 128 millóns para para a súa modernización e informatización. O investimento saíu das arcas públicas e agora poríase de maneira gratuita a dispor de mans privadas. 

En todo o Estado español o número de rexistrador@s da propiedade sitúase por volta d@s 800 que reciben un beneficio do 60% en cada rexistro.

Após asumiren este servizo agora público, os dados das centrais sindicais falan dun ingresos de 180 millóns máis ao ano que pagaría a cidadanía en forma de tributos. Aliás, segundo a Asociación de Usuari@s de Rexistros, Rajoy mantén a praza de rexistrador que posúe en Santa Pola, Alacante.