Analizan substancias e asesoran

A cocaína adulterada, a exame en festas e festivais

Posto da asociación ASFEDOR no Resurrection Fest

Fálase moito da cara A das drogas, do consumo en determinados eventos, mais do que non se fala é da cara B, é dicir, da súa composición. As drogas legais e ilegais son unha realidade presente na sociedade e moitas intoxicacións débense ao descoñecemento da composición das substanciais non legais, pois ao non estaren controladas, poden ser adulteradas con elementos que a persoa consumidora ignora. Así o explican desde Asfedro, unha entidade que está a prestar un servizo baseado en analizar as substancias, explicar a súa composición á consumidora e dar información. Este verán prestaron este servizo en diversos festivais e consideran preciso a implicación das institucións para poder mantelo e estendelo, tal e como sinala a Sermos Galiza Xoaquín Bouza, responsábel do proxecto.

As festas e eventos do verán tamén son espazos importantes para o asesoramento, a información e a prevención. Nos últimos anos ampliouse a presenza nestes eventos dos puntos lilas contra as violencias machistas e servizo contra as condutas lgtbifobas na sociedade, co obxectivo de facer das zonas de ocio tamén espazos seguros para todas.

Un outro servizo que este ano estivo en diversos festivais galegos é o prestado pola Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro). Esta entidade situou nestes eventos un posto onde, alén de prestar asesoramento oral sobre drogas e repartir dípticos informativos, realizou un servizo de análise para dar a coñecer ás persoas usuarias a composición destas substancias e informalas sobre os efectos das mesmas para, de decidiren o seu consumo, saiban como facelo para evitar intoxicacións e riscos.

A asociación ten a súa sede en Ferrol e conta cunha unidade asistencial onde acoden persoas con drogodependencias, un servizo a cargo da comunidade terapéutica e un programa onde se realizan actividades e cursos de inserción no mundo laboral de persoas que padeceron ou padecen drogodependencias.

“Partimos de que en determinados contextos hai e seguirá habendo un consumo de drogas tanto legais como ilegais”, afirma Xoaquín Bouza

Dentro da área de prevención atópase o servizo Educando no Lecer, no cal decorre o programa InfoDrogas que este verán situou o seu posto de asesoramento e análise de substancias nos festivais Resurrection, Pardiñas e Revenidas e na Festa da Auga de Vilagarcía e na do Polbo de Mugardos.

“Partimos de que en determinados contextos hai e seguirá habendo un consumo de drogas tanto legais como ilegais”, afirma Xoaquín Bouza Leirachá, educador social, técnico de prevención e responsábel deste proxecto en Asfedro.

Análise e asesoramento

A metodoloxía de traballo está orientada á redución de riscos asociados ao consumo de drogas e para iso, no posto situado nestes festivais, a xente puido levarlles drogas para que as testasen.

As e os analistas informan a persoa consumidora de se a substancia que entregaron para testar contén ou non principio activo e nalgún caso, como no da cocaína, poden mesmo averiguar a cantidade aproximada dese principio. O servizo é totalmente confidencial.

As analistas informan a persoa consumidora de se a substancia que entregaron para testar contén ou non principio activo

“Isto permite poder falar de determinados adulterantes e patróns de consumo que está tendo cada persoa, que coidados cómpre que teña antes, durante e despois de que consuma, e saber tamén se o mestura con outras substancias”, sinala Bouza, e engade que achegan “unha información moi obxectiva e non moralista á e ao usuario, para que decida se consome ou non e en que cantidade o fai”.

Unha das cuestión das que conversan coas persoas usuarias é arredor das substancias coas que mesturan cada droga. “Moitas queren mesturalo con alcol, unha substancia moi banalizada, e que funciona como depresor”, expón Bouza, quen alerta sobre o risco existente ao xuntalo con estimulantes como a cocaína.

Sobre a adulteración de substancias, Bouza sinala o caso da éxtase. “Moita xente pensa que consome éxtase pero en realidade o que mete no corpo é outra cousa. Con este servizo podemos informar que ten o que van consumir, e se queren consumilo, indicar pautas”.

“Moita xente pensa que consome éxtase pero en realidade o que mete no corpo é outra cousa"

“Máis que a perigosidade da substancia adulterante, o problema está na cantidade. Como falamos dun mercado ilegal, non sabes o que ten. É como se che poñen nunha xerra de cervexa absenta, e ti bebes esa cantidade como se fose cervexa...”, agrega Bouza.  

Demandan a implicación das institucións para manter o servizo

Asfedro é a única entidade que na Galiza presta este servizo, e na actualidade procuran ter un punto fixo en Ferrol. “Gustaríanos podelo abrir polo menos nos días previos á fin de semana”, di Bouza. Este ano lograron un convenio coa Universidade da Coruña mais só é de asesoramento oral, non poden realizar análise de drogas.

Queren camiñar cara ao modelo de Catalunya ou Euskadi, onde servizos coma estes están á orde do día e son as propias institucións públicas e salas de eventos quen as reclaman. “Na Galiza moitos concellos din que non nos precisan porque nesas localidades non se consomen drogas”, salienta Bouza.

”Queremos dar visibilidade, é unha necesidade, pois a análise e asesoramento contribúe a evitar moitas intoxicacións”, declara a Sermos Galiza o responsábel do proxecto.