Aniversario de Érguete

A fundación Érguete fai 20 anos en apoio das persoas máis vulnerábeis

Carmen Avendaño [Imaxe: TVG]

Dúas décadas pasaron desde a creación da fundación Érguete-Integración. Baixo a presidencia de Carmen Avendaño esta entidade marcou dúas décadas de traballo en apoio das persoas con adición ás drogas e de loita e denuncia contra o narcotráfico na Galiza e a conivencia de distintos estamentos e poderes coa mafia.

A Fundación Érguete-Integración fai dúas décadas de traballo continuo en apoio das persoas con adición ás drogas e de presión aos distintos estamentos e poderes por conivencia coas mafias do narcotráfico.

A histórica loitadora e presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, recoñecida por sinalar directamente a quen fixo negocio a costa da saúde de centos de mozas e mozos da Galiza dos oitenta e noventa, participou no acto conmemorativo que se realizou esta quinta feira 20 de xuño en Vigo. Durante o evento, salientou como dato relevante do traballo realizado no seo da fundación que o 70% das persoas que se tratan en Érguete logran atopar emprego.

A asociación Érguete naceu hai 33 anos mais foi hai 20, en 1999, cando se deu o paso a crear a fundación

A asociación Érguete naceu hai 33 anos mais foi hai 20, en 1999, cando se deu o paso a crear a fundación Érguete-Integración coa intención de dar apoio e reverter a realidade do momento, en que moitas persoas que conseguían abandonar o consumo de drogas non atopaban facilidades nin apoios para atopar traballo e construír un proxecto de vida  

Deste modo, a fundación empezou a rodar da man de Carmen Avendaño e outras nais de mozas e mozos con adicións, co obxectivo de visualizar a problemática, crear conciencia social e denunciar o tráfico de substancias estupefacientes que "destruían" as súas familias.

A fundación empezou a rodar da man de Carmen Avendaño e outras nais de mozas e mozos con adicións

No transcurso do acto Carmen Avendaño agradeceu o labor da sociedade e os grupos que "entenderon" o problema que conlevaba o consumo das drogas e chamou a atención sobre a urxencia de centrar agora a prevención nas persoas adolescentes.

Na actualidade a fundación Érguete-Integración tamén traballa con persoas en situación de exclusión social que non consomen substancias estupefacientes, así como coas que estiveron en prisión e procuran tamén construír un novo proxecto de vida.

Mais desde a fundación tamén prestan axuda e asesoramento a persoas maiores que perderon o seu emprego e teñen dificultades para reincorporarse ao mundo laboral debido á súa idade.

“Traballar para que as persoas máis desfavorecidas consigan a súa mellora social, laboral e de vida, a partir do achegamento á rede asistencial ou acceso ao emprego” é a razón de ser da fundación Érguete, que ten tamén como obxectivo ofrecer servizos de información, sensibilización, orientación, formación e intermediación cos distintos axentes sociais e coa participación dun equipo multidisciplinar de profesionais.