O proxecto está previsto nun monte protexido pola ONU

Comuneiros de Covelo rexeitan a construción do parque eólico da Telleira

Montes comunais de Santiago de Covelo. (Foto:Nós Diario).

A asemblea xeral da comunidade de montes de Santiago de Covelo rexeitou de xeito unánime a instalación dun parque eólico en terreos da súa propiedade. O proxecto, promovido pola empresa Adelanta, pretende erguer un parque eólico de 48 megawatts entre os concellos de Covelo e da Cañiza.

A historia do complexo eólico da Telleira arranca do concurso promovido polo Executivo de Núñez Feixoo de 2010. Naquela altura, a Xunta da Galiza, tras anular a convocatoria promovida polo Goberno bipartito, sacou á poxa pública 2.325 megawatts, nun procedemento cheo de polémica.

A oposición da veciñanza a este proxecto non decaeu desde aquela. Xa en 2012, o presidente da comunidade, Alexandre Cendón, alegou contra a proposta da compañía, manifestándose en idénticos termos a Sociedade Galega de Historia Natural.

As razóns da negativa dos comuneiros de Covelo a esta actuación atópanse na consideración do proxecto como un “intento de espolio ambiental, paisaxístico, económico e cultural, non só no noso monte, senón en toda Galiza”.

“É socialmente inxusta”

O presidente da comunidade de montes Alexandre Cendón sinala que a iniciativa “é socialmente inxusta, porque “os prexuízos e os impactos son para a xente do rural, por mor da construción de novas vías de acceso aos montes, de multitude de liñas de alta tensión, do ruído, a reclasificación e cambios dos usos do solo, a perda de valor das propiedades, o impacto paisaxístico mentres que os beneficios son para uns poucos debido á centralización e ao oligopolio eléctrico”.

Cendón non dubida en cualificar a proposta como “un roubo, porque apenas 1% da facturación anual dos parques eólicos recae nos propietarios dos montes onde están situados segundo datos do Observatorio Eólico de Galiza e as empresas poden expropiar os terreos co beneplácito da Xunta da Galiza”.

“Non é ambientalmente sustentábel”, continúa Cendón, quen explica que “carece de avaliación ambiental estratéxica e os espazos protexidos na Galiza son moi reducidos pois a ampliación da rede Natura 2000 foi paralizada de xeito premeditado polo actual Goberno galego”.

“Conivencia do Goberno do PP con Adelanta”

Os comuneiros de Covelo denuncia a “conivencia co Goberno local do PP” coa promotora e as tentativas desta en influír nos veciños. Así, denuncian que “desde o concello de Covelo foron facilitados números de teléfono de determinados veciños á empresa Adelanta co obxectivo de encirrar e dividir, chegando a ofrecerlles servizos xurídicos gratuítos para se opor ás decisións dos órganos de goberno do monte”.

A empresa tentou por todos os medios boicotear e influír nos órganos de goberno do monte veciñal. Así dende o concello de Covelo foron facilitados números de teléfono de determinados veciños á empresa Adelanta co obxectivo de encirrar e dividir, chegando a ofrecerlles servizos xurídicos gratuítos para se opor ás decisións dos órganos de goberno do monte.

O monte veciñal de Santiago de Covelo é un exemplo de xestión veciñal do monte, facendo parte desde 2018 o rexistro ICCA. ICCA é un programa da Organización de Nacións Unidas para o Medio Ambiente que protexe aqueles modelos que destacan por “un compromiso de conservación e uso sustentábel do hábitat para evitar danos ou deterioro medioambiental”. A área forestal de Covelo foi a terceira de Europa en recibiren ser incorporada a esta listaxe.