38% das mulleres séntense "inseguras" camiñando soas de noite na zona onde viven

A sensación de inseguridade ao pasearen en solitario de noite polas zonas onde viven séntena 4 de cada 10 mulleres. (Foto: Nós Diario)
No caso dos homes, a porcentaxe non chega a 13%, 25 puntos menos

A inseguridade ou seguridade que sente unha persoa ao camiñar soa pola noite ten tamén perspectiva de xénero. Mesmo  naquela contorna que pode ser máis coñecida e xerar máis confianza nunha persoa. Na Galiza case catro de cada dez mulleres (38%) recoñecen que se senten "inseguras" camiñando soas tras o pór do sol, á noite, polas zonas onde viven. Nos homes esta sensación cae a menos de 13% (12,4%),  é dicir, 25 puntos menos que as mulleres. Só un de cada catro senten esa inseguridade ao camiñar sós de noite polas zonas onde viven.

Son datos da Enquisa estrutural dos fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), que tamén contemplan que 87% dos varóns séntense seguros ou moi seguros ao andar de noite e en solitario por esas áreas. Algo que só poden dicir 63% das mulleres. 

Á pregunta de se a inseguridade que senten nesas situacións é moi alta, 11% das mulleres consultadas nesta enquisa responden afirmativamente —máis de unha cada dez—, mentres que entre os homes só optan por esta resposta 1,8%, dez veces menos que as mulleres.

Números

O IGE tamén fornece estes datos en número, non só en porcentaxes, e son clarificadores. Son 452.000 as mulleres na Galiza que ao pasear soas de noite polos seus propios barrios ou aldeas senten inseguridade, unha cifra que aumentou a respecto do anterior estudo, de 2014, cando as que recoñecían esa sensación eran 444.000. Ao tempo, e nese mesmo período, baixou o número de varóns os que sentían esa inseguridade nesas situacións: eran 195.000 e agora son 137.000.

Así pois, eles están cada vez máis seguros nunha situación como é a de camiñar sós pola noite nas zonas onde viven; mentres que elas cada vez senten máis inseguridade nese mesmo escenario.

Implicación

Facer que a noite non sexa un pazo de inseguridade a maiores para as mulleres ten centrado nestes anos diferentes iniciativas e propostas. Non só no que respecta ao lecer nocturno —con exemplos como o protocolo pioneiro de Compostela na creación de espazos de lecer nocturno seguros, libres e igualitarios— senón tamén para, simplemente, estar na rúa.

Un exemplo foi a iniciativa xurdida a raíz das críticas pola falta de seguridade que sofren as mulleres en moitos lugares dos campus da Universidade de Santiago, especialmente no Campus Sur. Houbo numerosas denuncias de agresións e acoso, que unidas á sensación de perigo nestas zonas facían que moitas mozas evitasen camiñar por determinados espazos despois do solpor. Esta situación foi resaltada pola campaña Campus do Medo, que en 2019 (e seguindo o exemplo do Mapa do Medo) buscaba facer visíbel esta realidade e reclamar a adopción de medidas para solucionala.

Os delitos contra a liberdade sexual aumentaron na Galiza 15,7% no primeiro semestre do ano 2023 ao situarse en 398, o que representa 54 máis que os rexistrados no mesmo período do ano anterior (344), segundo se desprende do Balance de Criminalidade do Ministerio español do Interior.

"A seguridade ten significados de xénero distintos"

"O medo e a seguridade teñen referentes e significados de xénero distintos", afirma a socióloga Sara Ortiz, integrante dunha cooperativa de urbanistas dedicada ao estudo e á aplicación da perspectiva de xénero no urbanismo. "Nas mulleres está marcado pola violencia exercida sobre o seu corpo sexuado e determina en gran medida como vivimos os diversos espazos, domésticos, comunitarios ou públicos", reflexiona.

"O medo tamén afecta a mobilidade das mulleres. Estudos sobre mobilidade demostran que as mulleres teñen unha mobilidade máis sostíbel, complexa e diversa durante o día. Con todo, esa mobilidade pódese chegar a paralizar pola noite por mor do medo á violencia. Pola noite, as mulleres evitan certas zonas, non utilizan determinados medios de transporte ou deciden non saír de casa".