Rurallure, o camiño do encanto rural

Imaxe da reportaxe dupla sobre Rurallure. (Foto: Nós Diario)
Grazas a este proxecto poráse en marcha unha plataforma dixital que axude a derivar os peregrinos a zonas rurais próximas aos camiños.

Cando unha visualiza na mente o concepto de proxecto científico ou tecnolóxico dificilmente imaxina unha contorna rural, a pesar de seren cada vez máis as iniciativas para revitalizar as aldeas e os pobos, que foron perdendo pulo fronte ás cidades. A realidade é que novas posibilidades florecen arredor de proxectos baseados na colaboración institucional e da unión internacional, proxectos que se nutren das ganas de medrar destas zonas que hoxe, no mundo pospandémico, renovan o seu atractivo para os que as deixaran nas últimas décadas.   

Un deses proxectos é rurallure, un plan que conta coa participación da Universidade de Vigo e co aval da Comisión Europea. Aglutina quince socios de seis países e fóronlle concedidos preto de 3 millóns de euros. É un proxecto multidisciplinar, que tan só na UVigo reúne un equipo investigador de Enxeñaría Telemática, Historia, Arte e Xeografía, Didácticas Especiais e Socioloxía.

Ademais da Universidade de Vigo e outras universidades, o proxecto forma unha rede de institucións relacionadas co patrimonio, a cultura e o fenómeno da peregrinación. É un proxecto de coordinación e soporte, no que máis que desenvolver un produto novo, facer unha investigación ou unha innovación, pretende, sen excluír todo o anterior, ser unha vía para a posta en común de esforzos para poder lanzar iniciativas que tiren proveito de produtos ou innovacións que a nivel tecnolóxico xa existen en gran medida.  

Divulgación do patrimonio cultural do rural

Con estas bases e ao longo de tres anos, rurallure desenvolverá e porá en marcha unha plataforma dixital que axude a derivar os peregrinos a zonas rurais próximas aos camiños, colaborando así, por unha banda, a evitar a saturación e aglomeración de persoas exclusivamente nunha zona (algo moi necesario nestes tempos de pandemia) e, por outra, a repartir a riqueza que estes peregrinos poidan xerar nos seus destinos turísticos (só o ano pasado estímase que se xeraron 300 millóns no Camiño de Santiago), ofrecendo unha experiencia a medida da diversidade do público. 

A idea é achegar unha aplicación que facilite a planificación das viaxes e o descubrimento de novos lugares e puntos de interese próximos ao camiño, a través de ferramentas como mapas interactivos; así como amosar de modo atractivo e accesíbel o patrimonio de todas as rexións polas que transcorren as rutas.

Esta permitirá ademais ofrecer contidos personalizados en función do perfil, gustos e preferencias das persoas peregrinas: rutas, libros, visitas, aloxamento, restauración... e paquetes para facilitar unha experiencia nova, diferente e adaptada aos gustos e preferencias de cada persoa. Ademais, implementará un pasaporte dixital multi-ruta do peregrino.

Esta plataforma suporá unha base de datos aberta de puntos de interese que estará conectada aos activos dixitais e a recursos de terceiros, permitirá a co-creación e curación de itinerarios e narrativas para gozar dun camiño que supoña, aínda máis, unha viaxe e experiencia persoal única.

Este é un estrato do texto escrito por Leonor Parcero, xestora da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na UVigo. Se queres rematar a lectura e gozar doutras reportaxes só tes que acudir mañá aos quiosques ou á nosa tenda online para mercar o caderno Aprender que sae publicado co Nós Diario. Non fiques nunca sen estes contidos especiais: fai a subscrición xa!