O rural, penalizado pola fenda tecnolóxica

As velocidades de conexión a internet lastran un servizo de calidade (Foto: Xunta da Galiza).
A poboación do rural galego leva tempo denunciando graves deficiencias no acceso a internet. O confinamento agravou as súas necesidades. Malia os avances tecnolóxicos en moitos puntos, aínda quedan numerosas zonas de sombra que exixen unha resposta lexislativa mais tamén de investimento. 

A crise sanitaria provocada polo novo coronavirus agravou e fixo máis visíbel a fenda social da tecnoloxía na Galiza. O confinamento ordenado para frear a expansión da Covid-19 incrementou a demanda de medios telemáticos e de telecomunicacións, e puxo de manifesto as carencias de cobertura e recursos dixitais asociados ás necesidades de acceso á internet.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (Coettega) avanzou durante os primeiros días da pandemia a súa preocupación polas eivas detectadas no inicio da crise sanitaria por parte das familias e das empresas, forzadas a manter a súa actividade escolar e laboral desde todas as contornas do territorio botando man das redes mais das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Non podemos basear as comunicacións só nas redes móbiles.

Conectarse ás canles educativas telemáticas e aos diferentes modelos de teletraballo implantados polas empresas, ademais  doutros servizos, non é igual de doado para todos. "O illamento durante o estado de alarma volveu poñer o foco sobre a enorme fenda tecnolóxica que existe", que penaliza as zonas do rural fronte as áreas urbanas e deixa a veciñanza sen acceso a unha internet de calidade.

Julio Sánchez Agrelo, decano do colexio profesional asegura a Nós Diario que a dispersión da poboación e a orografía fan da Galiza un territorio complexo para a dotación de servizos e comunicacións. "Hai 30.000 núcleos de poboación, algúns moi espallados que dificulta o interese das operadoras". Así, engade, "o rural conta aínda con moitas zonas de sombra que impiden unha boa cobertura, mesmo para falar por teléfono. Pola contra, as vilas e cidades dispoñen dunha boa cobertura, e cada vez mellor

Acceso a internet en cifras

Segundo o Informe de cobertura de banda larga 2019, elaborado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Galiza está cola do Estado en internet de alta velocidade por rede fixa. O 99% da poboación ten acceso a internet, pero os datos reflicten que o tipo e a velocidade de conexión varían segundo os municipios.
Galiza conta cunha cobertura por redes fixas de máis de 30 megas de 94%, próxima ao 100% fixado como obxectivo por Europa para este 2020, mais baixa até 66% para conexións a internet de máis de 100 megas, un acceso rápido que a Administración galega conta ofrecer a 90% da poboación no ano 2021.

As conexións por ADSL, as que se estabelecen a través do cable de telefonía tradicional, levan o territorio á última posición do Estado. O informe estatal reflicte que 70% dos fogares galegos teñen acceso a internet cunha velocidade de máis de 2 megas e só a metade, a máis de 10 megas.

Eivas no rural

Malia a boa implantación das redes móbiles 3G e 4G, cunha cobertura próxima a 100%, segundo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) Sánchez Agrelo asegura que "o 100% non existe. No rural non hai boa cobertura, nin a través de redes fixas nin móbiles. Hai moitos puntos escuros, unha eiva que só se pode resolver con actuacións e investimento por parte das Administracións".

Redes móbiles

Desde o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións defenden que a mellora do acceso e das conexións a internet na Galiza non poden depender só das redes móbiles. "Non podemos basear as comunicacións só no móbil. Hai moitos núcleos pequenos a onde non chega a fibra e cómpre asegurar en todos os casos unha conexión decente". E isto exixe reparar nas tecnoloxías, máis tamén na cobertura e na velocidade de acceso á rede co fin de garantir un servizo de calidade. "As coberturas reais deixan moita poboación sen conexións suficientes para manter unha videoconferencia. Hai que traballar para garantir como mínimo unha velocidade de 30 megas, mellor por fibra, se non se pode por móbil, e se non, por satélite. Ese ten que ser o obxectivo da Administración galega", afirma Julio Sánchez Agrelo.