Rueda contempla expropiacións para implantar Altri na Ulloa

Alfonso Rueda, esta quinta feira, no Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

Nós Diario preguntou ao presidente galego sobre cales serían os plans do seu Goberno se as persoas propietarias dos terreos onde se proxecta a factoría se negaban a vender

O presidente galego en funcións, Alfonso Rueda, non descartou que a Xunta da Galiza teña que iniciar expropiacións de terreos en Palas de Rei (A Ulloa) para situar a macrocelulosa que proxecta a compañía portuguesa Altri, pero prefire que o proceso de compra sexa por "acordos voluntarios".

Así respondeu esta quinta feira, ao ser preguntado directamente pola prensa sobre cales serían os plans do seu Goberno se as persoas propietarias dos terreos onde se proxecta a factoría se negaban a vender, e por outros medios de prensa se descartaba empregar o procedemento de expropiación para facilitar a implantación deste proxecto industrial que está a xerar fortes críticas entre ecoloxistas, parte da poboación e partidos da oposición, como o BNG.

Rueda respondeu que descoñece o "detalle" do procedemento de compra dos terreos, polo que avoga por "esperar" por se a Administración tivese que tomar algunha decisión. Neste sentido, lembrou que "non sería a primeira vez que se tería que recorrer a outros procedementos", en alusión ás expropiacións, pero o presidente da Xunta cre que "o normal e a primeira obrigación" da compañía é "chegar a acordos voluntarios" cos posíbeis vendedores.

A posibilidade de expropiación dos terreos colleu por sorpresa a voceira do PP en Agolada (comarca de Deza), Carmen Seixas, que pensaba asistir á xuntanza entre a veciñanza do concello e representantes de Altri, que estes mesmos cancelaron a menos dunha hora do encontro.

“Eu non escoitei o presidente nin sei que vai facer, nin teño un criterio claro sobre iso. De feito, creo que é un proxecto que non está tan avanzado como para ter que expropiar nada”, afirma en declaracións a Nós Diario. “E que é unha empresa privada, como vai expropiar nada?”.