Rueda bendí a nova delegación na Galiza de 'El Debate', medio da Asociación Católica de Propagandistas

Alfonso Rueda durante a súa intervención esta quinta feira (Foto: El Debate).

Na tarde da quinta feira, Alfonso Rueda fixo oco na súa axenda para participar, como presidente da Xunta da Galiza, no acto de presentación da nova delegación na Galiza do medio dixital ‘El Debate’, dirixido por Bieito Rubido.

O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, interveu na tarde de onte no acto de presentación da nova delegación na Galiza do medio El Debate, auspiciado en 2016 pola Asociación Católica de Propagandistas. Un acto que decorreu no Hostal dos Reis Católicos, en Compostela, baixo o patrocinio de Endesa e de Grupo Empresarial Electromédico.

Nunha intervención na que o galego ficou reducido ao saúdo inicial, Rueda, baixo cuxos mandatos Nós Diario foi excluído da liña de axudas a empresas xornalísticas malia cumprir cos requirimentos recollidos na orde publicada no DOG e de importantes campañas publicitarias como a do festival O Son do Camiño, puxo de manifesto o seu apoio a un xornalismo “plural” e destacou a “valentía” e o traballo “sen complexos” de medios como El Debate.

A liña editorial do citado medio baséase no “humanismo cristián”, “a defensa da unidade de España”, “a monarquía”, “a orde constitucional e democrática”, así como “o libre mercado, a defensa da vida, a familia e a doutrina social da Igrexa” e está dirixido por Bieito Rubido, antigo director de La Voz de Galicia e do ABC, e amigo persoal de Alberto Núñez Feixoo e Mariano Raxoi, con quen cada verán comparte comida na súa Cedeira natal.

Entre os columnistas de El Debate atópanse Alfonso Ussía e Borja Sémper e, entre as súas redactoras, María Jamardo, tertuliana habitual da CRTVG que, nunha polémica intervención, manifestouse no medio público contraria á lingua galega e que, nun programa dunha televisión española, minimizou o masacre de Gernika, ao apuntar que “nin o que bombardeaba era malo nin os que eran bombardeados eran tan bos”.