Entrevista

Rubén Lois: "A chave é ordenar o territorio potenciando as comarcas e as áreas metropolitanas"

Rubén Lois, vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. (Foto: Xan Carballa)
Se se quere reverter o desastre demográfico e o problema dramático do abandono rural, hai que tomar medidas de ordenación do territorio, asegura Rubén Lois González (Palas de Rei, 1971), vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional, catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela e especialista en xeografía urbana e cultural.

—Cando falamos de xeografía pensamos en mapas, mais é unha disciplina que abrangue moitas outras, economía, historia, demografía ou política.
Moitas, se miras a actualidade a axenda está vencellada a problemas que nós estudamos. A escaseza de vivenda, é un tema clásico de xeografía urbana. Os temas ecolóxicos da xeografía ambiental. Os modelos de agricultura moi intensiva, con sobreconsumo de auga en áreas a protexer é outro clásico do que se ocupa a xeografía. Estudamos todo o que relaciona o espazo e o territorio coas sociedades humanas. É como a filosofía, unha disciplina integral e global. Os mapas fanos os cartógrafos, pero nós ocupámonos de pintalos de cores, somos os que os "manipulamos".

—"Mapas, mapas, mapas…." o xornalista Enric Juliana advirte sempre da súa necesidade para comprender o mundo e a política.
Son seareiro de Juliana, aínda que non coincida con el moitas veces Josep Vicent Boira, un xeógrafo valenciano hoxe na esquerda catalanista, ideólogo do Corredor Mediterráneo, e bo amigo de Juliana fíxollo ver. Dicía Boira, como se vai chegar máis rápido de Barcelona a Valencia indo por Madrid en AVE? Sempre hai unha intención política e histórica no trazado das conexións ferroviarias ou portuarias. Son mapas e a súa interpretación ideolóxica.

Catalunya e Euskadi sempre foron máis ricas e operaron como nacións fortes que pedían autodeterminación, sempre cun pé no resto de Europa. Non tiñan porqué retroceder a Madrid, e mantiñan unha lectura moi xeográfica coa que negociar, porque París ou Bruxelas quédalles tamén a tiro. Se falamos de Galiza hai unha idea de que somos unha nación débil, pero nós conectamos polo Atlántico e directamente con Portugal, que antes de 1974 non era un actor relevante da política europea. Daquela, a idea de que o rexionalismo nos viña ben e debíamos exportar políticos a Madrid foi unha lectura tirada tamén dos mapas.

Pero, repito, é unha idea interesada, porque somos máis ricos contemplando as balanzas fiscais ou a forza industrial. Iso non o interiorizaron aínda o 99% dos galegos. Mentres non se falou do Corredor Atlántico con Portugal, parecíamos unicamente un extremo da A-6 e negóusenos unha visión portuaria, cando Vigo e A Coruña somos con Lisboa e Matosinhos, a porta atlántica de Europa.

—Historicamente, desde o primeiro terzo do século XX, figuras como Paz Andrade defenderon esa reivindicación co trazado de ferrocarril a Francia polo Cantábrico ou a forza dos nosos  portos. E no nacionalismo na transición, López Suevos tamén falaba do enorme potencial co Norte de Portugal.
Portugal aínda mantén hoxe un temor atávico á cuestión española. Até 1974 era un país extraeuropeo, ocupado coas colonias de Angola e Mozambique. Agora o asunto é conectar a fondo con Porto antes mesmo que con Francia. Efectivamente Suevos e todo o nacionalismo historicamente veuno así. E a Francia tamén se pode saír por cabotaxe, potenciando o comercio por mar. A Unión Europea insiste moito, e hai numerosos documentos, pero son opcións políticas e ideolóxicas tamén. Nós insistimos desde o Departamento en que non só hai que falar de AVE, que ten que haber un tren galego. Pero a Xunta, tendo competencias ferroviarias en Cercanías non quere saber nada.

—O sábado 17 constitúense os novos concellos e desde case o comezo democrático está aberto o debate sobre a organización administrativa: concellos, deputacións, mancomunidades. Cal é a súa visión?
Defendemos que haxa comarcalización efectiva nas áreas rurais e áreas metropolitanas nas cidades. As opcións de fusionar concellos son moi limitadas pero debería facerse con moitos de menos de 2.000 ou 3.000 habitantes. Por exemplo Punxín e San Amaro si, pero quizais Folgoso do Courel e A Veiga non porque tes que ter servizos básicos para a cidadanía a menos de 30 minutos.

Son consciente de que uns mínimos comúns desta proposta só poden ir adiante consensuados por todas as forzas políticas, pero o fundamental son as comarcas e as áreas metropolitanas. Hai servizos que se poden atender mellor desde Lalín, Ponteareas, Ribadavia ou Celanova, con Consellos Comarcais como entidades administrativas. O que fan agora as Deputacións pódeno facer as comarcas e repartir tamén os servizos que van dar entre os concellos que as compoñen. Despois están as Áreas Metropolitanas, coa de Vigo sen constituír. Ten que haber transporte metropolitano, coordinación na promoción turística e económica, porque o capital mira a área, non Vigo, Mos e Nigrán por separado.

Ao noso entender as comarcas e as áreas metropolitanas poden fixar os criterios de utilización do solo con máis eficacia. Facer os plans de ordenación a escala supralocal, pode decidir até onde ter solo urbanizábel, canto hai que protexer, por onde trazar as vías estruturantes... Só con iso descargas moita presión dos concellos. Entretanto temos a cidade primeira de Galiza sen plan de ordenación municipal e a área metropolitana bloqueada. Con esa ausencia de política territorial emerxen políticos moi listos como Abel Caballero, que fai tacticismo todo o tempo: non está comprometido a nada porque os instrumentos que podía ter non os ten, e anda pola rúa, instala luces, é próximo, inaugura prazas…  crea unha identidade forte de Vigo pero non resolve ningún dos problemas.

—Tamén se ocupan de estudar o gran problema demográfico que ten Galiza?
Temos moitos problemas. Pasamos de ser un país de labregos e xente nova a un país de maiores. Estamos estancados desde 1970 cando chegamos a 2,6 millóns de habitantes. E aumentamos un chisco pola chegada de inmigración, pero nacen moi poucas criaturas e hai máis xente maior. Que vivamos máis é bo, pero o problema é o gran desequilibrio territorial, cun rural despoboado e unha concentración no eixo atlántico (Ferrol-Tui). Iso é dramático. As políticas que se fan a curto prazo non van. 
Eu son dun concello sen paro, Palas de Rei, que segue perdendo poboación. Está no camiño de Santiago, atrae algúns traballadores, pero os alugueres son caros, e aínda que hai poboación nova, desde 2010 só nacen 20 crianzas por ano pero morren 50 persoas maiores.

Tiñamos 5.000 habitantes e pronto baixaremos dos 3.000, tiñamos densidades de 50 hab/km2 e estamos en 15. Somos máis ricos e con máis terra pero hai que organizala mellor. Funcionan ben os servizos para os maiores, pero uns pais cun fillo non teñen escola infantil, nin servizos para conciliar e onde deixar os rapaces. Outros concellos fixérono moi ben, Allariz por exemplo, pero só lle dá para estabilizar a poboación e basicamente no casco urbano, mantense o despoboamento rural. E canto máis abandono a bomba ameazante dos incendios é máis real.

—Entón hai que mudar a fondo a política rural, hai un problema con Europa nese sentido?
Non necesariamente. Aquí houbo un mantra, que a menor poboación agraria máis desenvolvidos seríamos. E o desenvolvemento rural ou é agrario ou non é. O turismo rural é unha ficción, debe existir pero ten sentido se hai rural, se ves uns prados, vacas ou unha hortas e non unha selva de eucaliptos. Conseguiuse que coa décima parte de explotacións mantivérase a rendibilidade global e competisen en Europa. Funcionou economicamente pero foi un desastre social e demográfico.

Temos gandeiros moi competitivos pero que están sós na aldea, nin teñen con quen falar e non hai mulleres, que aínda viven peor. Fíxose ademais mal a transición, porque non se interveu sobre o dereitos de propiedade, que foi o que se intentou co Banco de Terras. As explotacións necesitan máis base territorial e debes evitar tantas repoboacións con eucaliptos e non quitar a propiedade pero si ordenar o dereito ao uso desas terras.

Así estamos, cunha salvaxada de 1/6 de terra a eucaliptos e unha cabana gandeira concentrada nun 15% do solo, cando en Europa están no 30 ou 40%. En Francia distinguen entre propiedade e uso da terra, e alúganse para que non queden abandonadas. Agora hai máis posibilidades para que xente nova desenvolva actividades agrarias diferentes e rendíbeis con técnicas novas e boa promoción. Pero hai que facer políticas nesa dirección, e iso inclúe moitas cousas ao seu carón: próximas, comunicacións, infraestruturas para localizar empresas de transformación. Ten que haber un plan global para o rural e unha nova política ordenando o territorio. Iso sería unha prioridade para o futuro.