Rubén C. Lois, catedrático da USC: "A sociedade galega fai xeografía aplicada á defensa do seu territorio"

Rubén C. Lois. (Foto: Santi Alvite).
Rubén Camilo Lois González (Palas de Rei, 1961) é catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. Vén de ser nomeado correspondente internacional da Academia Nacional de Xeografía da República Arxentina.

—Parabén por esta nova distinción internacional.
Esta escolla, para min, é un recoñecemento importante. É a primeira vez que unha academia oficial dun país latinoamericano agradece así o traballo que veño desenvolvendo. É verdade que non é infrecuente que os membros da directiva da Unión Xeográfica Internacional gocemos do recoñecemento de algunhas academias de xeografía de distintos países. Neste caso, creo que pola vinculación de Arxentina con Galiza, os arxentinos foron os primeiros en formular esta distinción.

—Que traballo lle espera no seo da Academia Nacional de Xeografía de Arxentina?
A misión que se me encomendou  foi vehicular todo o que son as investigacións e resolucións de debates territoriais de Arxentina, un país novo con asuntos territoriais por resolver: as Malvinas, os lindes con Chile nos Andes, a proxección que ten o país na Antártida. Son algúns dos ámbitos nos que normalmente as academias de xeografía emiten algún ditame. Tratarase de vinculalos e ver que informes poden ter a ONU ou a Unesco en relación coa protección dos océanos, co sistema toponímico internacional e de procurar o arranxo pacífico de conflitos que se poidan dar.

Despois tamén hai un debate importante na xeografía e en América Latina bastante significativo que é o recoñecemento dos dereitos sobre a terra dos pobos orixinarios. Cómpre unha lectura do territorio pluricultural respectando os pobos orixinarios e as distintas territorialidades que moitas veces se superpoñen. De forma máis inmediata é probábel que no mes de maio me desprace a Bos Aires. Entón explicarei cal vai ser a miña función e como se pode estabelecer unha ponte entre as academias xeográficas de determinados países e a comunidade científica xeográfica internacional.

—O obxecto da ciencia xeográfica é igual e calquera territorio?
É moi parecido. Cando xorden as academias de xeografía nos distintos países é para delimitar o territorio, para facer mapas detallados e fixar o mellor posíbel os seus límites. Esa é a primeira función. Mais a xeografía é unha disciplina que analiza as relacións entre a humanización e o territorio, entre a sociedade e o medio social onde se asenta, e agora ten que responder a un reto moi importante: o cambio climático, que nós, os xeógrafos, preferimos denominar cambio global, o problema de degradación das condicións ecolóxicas do planeta en diferentes lugares.

Como ciencia social tamén lle corresponde ser un pouco crítica cos vellos conceptos de crecemento económico e buscar outras fórmulas de desenvolvemento humano, de sustentabilidade, co fin de que a sociedade sexa cada vez mellor con respecto ao lugar onde se asenta. E todo isto sen esquecer que a humanidade é moi diversa, cunha historia na que uns pobos explotaron a outros. Neste sentido a xeografía ten que ser unha ferramenta que nos axude a pensar as distintas territorialidades e formas de apropiación do espazo.

—Cre que na galiza temos un bo coñecemento do noso medio, do territorio que habitamos?
En xeral, a sociedade civil fai unha lectura bastante acaída do territorio. Fai  debates sobre a eucaliptización, sobre os eólicos, sobre a súa limitación off shore, sempre desde unha posición de defensa do territorio, do seu lugar. Mais todo isto non se traslada con igual intensidade ao ámbito académico, onde as grandes institucións galegas aínda non teñen un perfil xeográfico consolidado. Nós insistimos en que teñen que as estruturas académicas e institucionais teñen que dar un paso máis para reforzar desde o punto de vista investigador iso que a sociedade  xa fai: xeografía aplicada á defensa do do seu territorio.

Unha disciplina incómoda pero esencial

Rubén C. Lois enxalza a cultura do ordenamento do territorio. "A xeografía non é unha disciplina cómoda porque coloca o país no centro do debate", pero non pode ser escusa, di. "Hai que reforzar o papel da interpretación xeográfica que toda a Xeración Nós tiña moi claro. Tiña un gran xeógrafo como Otero Pedraio que colocou o territorio no primeiro nivel".

A interpretación xeográfica é a base da xeografía aplicada. "Nós interpretamos o territorio para transformalo, para melloralo. Defendemos a cultura da ordenación, o que implica un desenvolvemento sustentábel sen agredir, degradar nin abandonar o territorio, como se fai moitas veces". Así, na Galiza identifica hoxe dous modelos, dúas forzas en contradición cuxa pugna definirá o país do futuro. "Un que responde á lei de entropía e conduce á unha desorganizanización territorial crecente e outro que promove o contrario: concellos libres de eucaliptos, un mapa eólico razoable que, poboacións novas e activas no rural...".