Rubén Lois é elixido novo membro da Academia Nacional de Xeografía arxentina

Rubén Lois, catedrático da USC (Foto: Arxina).
Actualmente, Rubén Lois é catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) onde exerce a docencia desde 1990.

Durante unha reunión ordinaria, a Academia Nacional de Xeografía da República Arxentina resolveu nomear Ruben Lois académico correspondente internacional.

Este organismo, a Academia de Xeografía Arxentina, é unha das oficialmente recoñecidas pola Lei da República de 1955 sobre academias científicas.

Con sede na Casa das Academias en Bos Aires, é a representante nese país do Instituto Panamericano de Xeografía e Historia.

A constitución oficial da Academia permitiu integrar no seu interior membros de distintas institucións e asociacións xeográficas do país como, entre outras, o Instituto Xeográfico Nacional, o Consello Nacional de Xeografía e a Sociedade Arxentina de Estudos Xeográficos, que xa fora fundada na década de 1920.

Toma de posesión

Para formalizar a súa incorporación como académico, o profesor Rubén C. Lois González desprazarase á capital do país, no mes de maio.

Farao na compaña da profesora emérita, ex reitora da Universidade Autónoma de Madrid e ex conselleira de Estado, Josefina Gómez Mendoza, tamén membro polo Estado español da Academia.

Este é un nomeamento máis para o catedrático, Rubén Lois que se agrega aos que xa ostenta, entre eles o cargo de vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional, desde a súa elección en 2018.

Alén do recente galardón, Rubén C. Lois González conta con outros títulos. É coordinador do Grupo ANTE: Análise Territorial da USC e director da fundación CEER (Centro de Estudos Euro-Rexionais), así como tamén foi Director Xeral de Turismo entre os anos 2005 e 2009.

Actualmente é catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) onde exerce a docencia desde 1990.