TRES DíAS DE MOBILIZACIóNS NA CAPITAL DA GALIZA

Compostela, pendente da grande tractorada

[[Imaxe: @xoanc]

A falta de compromiso e medidas reais do Goberno central e da Xunta de Galiza cos gandeiros e gandeiras augura o éxito da convocatoria de mobilización para esta segunda feira en Compostela, que volverá ser atravesada por milleiros de tractores.

 

Despois de pasar polas principais comarcas gandeiras de Galiza, a campaña de mobilizacións do sector leiteiro recala os próximos tres días en Compostela. Coincidindo coa xuntanza do Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea, fontes da Plataforma galega en defensa do sector leiteiro informan de que os tractores están chamados a se concentrar na explanada de Salgueiriños ás 11h, para facer un percorrido ao longo da cidade a partir das 12h.

As rúas que atravesará a tractorada son S. Caetano, Avda. Castelao, Vista Alegre, Salvadas, Galeras, S. Lorenzo, Mestre Mateo, Romero Donallo, Hórreo, Avda. de Lugo, Rodríguez de Viguri, Camiño Francés, Irmandiños e de volta para Salgueiriños.

As zonas próximas ás áreas comerciais acubillan a mobilización do día 8

As zonas próximas ás comerciais de Fontiñas e das Cancelas acollerán os gandeiros e gandeiras da terza feira (8 de setembro). A partir das 12h, os e as participantes concentraranse nas rúas que rodean estes centros comerciais e farán un reparto gratuíto de leite.

O día 9, contra as 12h, a protesta trasládase ás rúas lindeiras ao edificio da Xunta de Galiza, en San Caetano. Ás 16h, terá lugar na Praza Roxa outro reparto gratuíto de leite.

Gran mobilización o día 10

O día 10 de setembro (quinta feira) terá lugar a gran mobilización a pé, que partirá ás 12h desde Salgueiriños até San Caetano.

A vaga de mobilizacións do sector leiteiro conclúe a quinta feira en Compostela, pois é a data límite fixada pola ministra de Agricultura para chegar a un acordo cos gandeiros e gandeiras. Con estas mobilizacións, as e os produtores lácteos tratan de esixirlle ao Goberno central e á Xunta de Galiza medidas que contribúan para impedir a venda do leite a prezos inferiores do custo de produción. Están en xogo, segundo a Plataforma galega en defensa do sector leiteiro, milleiros de explotacións gandeiras e a economía de milleiros de familias.

O Ministerio de Agricultura ten marcado como prezo de rendibilidade do litro de leite nos 36 céntimos, prezo que dista do que se paga actualmente en Galiza, onde oscila entre os 20 e os 27 céntimos.