As rúas de Compostela berran contra as guerras imperialistas e a política contra as refuxiadas

Centos de persoas saíron na mañá do sábado ás rúas de Compostela contra as guerras imperialistas e as políticas contrarias aos intereses das persoas refuxiadas.

Baixo o lema “'Rachemos coas fronteiras, non ás guerras”, centos de persoas participaron na mobilización que percorreu as rúas de Compostela para protestar contra a política exterior da UE e na que se puideron oír consignas como “Turquía, sicaria da Unión Monetaria” ou “Lei de estranxeiría fascista e criminal”.

O portavoz do Foro Galego da Inmigración, Miguel Fernández, sinalou en declaracións aos medios ao inicio da mobilización, que convocada pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas e na que participaron representantes do BNG e de AGE, que o feche de fronteiras europeas “está a facerse enormemente duro para as persoas que veñen da guerra”.

Afirmou que o dereito ao refuxio “é universal” e “é un dereito humano” e considerou inconcebíbel que non se respecte. De aí que emprazara a UE a “artellar medios para ser capaz de atender todas esas persoas, que non son tantas”. Falamos, dixo, de catro ou cinco millóns de persoas nun contexto europeo de case 30 países con 500 ou 600 millóns de habitantes”.

Miguel Fernández cargou contra a Xunta, á que acusou de non mostrarse especialmente disposto a acoller nin a poñerse ao servizo das refuxiadas

Miguel Fernández anunciou unha nova mobilización para o mes de xuño e unha campaña de información dos dereitos que teñen as persoas refuxiadas e que son reiteradamente incumpridos. Ademais, instou todos os galegos e galegas a obrigar os Gobernos a cambiar as súas políticas. Tamén cargou contra a Xunta, á que acusou de non mostrarse especialmente disposto a acoller nin a poñerse ao servizo das refuxiadas”.