Rosana Prieto: "O policía atacoume por detrás cando xa rematara a protesta pacífica por Palestina"

Rosana Prieto, esta segunda feira 8 de setembro, mostrando as lesións derivadas da intervención policial do domingo en Monforte. (Foto: Nós Diario)
As protestas pacíficas pro Palestina na Volta a España deixaron un regueiro de detencións: oito no Corgo e dúas en Monforte. Nós Diario recolle o testemuño de Rosana Prieto á saída do hospital tras ser agredida pola Policía, así como os de Xosé Miguel Fernández, Simón García e Alexandre, tamén detidos na etapa do domingo.

A 15ª etapa da Volta a España deixou o domingo un regueiro de incidencias sobre as que poñen luz as súas protagonistas, desmentindo as acusacións de "violencia" desde algúns medios e partidos políticos. A Alexandre achegarse á beira da estrada no Corgo (comarca de Lugo) ao paso do pelotón para “facer visíbel unha bandeira palestina” custoulle que medios de comunicación de todo o Estado o culparan da caída dun ciclista, se ben realmente perdeu o equilibrio tras cruzar a estrada a escasa distancia do pelotón un axente da Garda Civil. E Rosana Prieto, concelleira en Pantón (Terra de Lemos), responsábel comarcal e membro do Consello Nacional do BNG, sufriu lesións logo dunha “protesta pacífica” na meta da Volta en Monforte. "24 horas despois sigo sen entender o que pasou”, explica.

O domingo foi á liña de meta da Volta a protestar pola participación do equipo Israel-Premier Tech. Alí, onde agardaba o fin da proba cunha bandeira palestina, "non se viviu momento de tensión ningún cos manifestantes”. Foi ao remate cando marchaba de volta para a súa casa e “un policía veu por detrás, turroume polo bolso e pediume que me identificara”.

Viuse acurralada por varios axentes da Policía Nacional; “un deles ordenou que me esposaran”. Lembra que recibiu "golpes nas costelas e nos riles". "Estou machucada, onte [polo domingo] xa me atenderon os médicos na comisaría e hoxe [por esta segunda feira] tiven que volver ao hospital”, apunta, en conversa con este medio.

Ten un parte de lesións ao que esta segunda feira tivo que engadir novos hematomas que van aparecendo coas horas e abrasións provocadas polas esposas. "Estou moi dorida, teño hematomas e a baixa médica”, di. Horas despois do acontecido insiste en non entender que sucedeu: "Era unha protesta pacífica que xa rematara e o policía veu por min polas costas. Nin me leron os meus dereitos nin me informaron do motivo da detención”.

As protestas no Corgo e a caída dun ciclista

Alexandre é membro do colectivo Lugo por Palestina. Este domingo estaba no Corgo coa súa bandeira palestina protestando pola presenza do equipo israelí. “Estaba alí para visibilizar a bandeira palestina ao paso do pelotón”, di. Cando pasaron os ciclistas esvarou nun colado, “pero en ningún momento toquei a estrada nin o pelotón”. Malia ser acusado por varios medios e en redes pola secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, de provocar a caída do ciclista do equipo Movistar Javier Romo, as cámaras evidenciaron que foi un garda civil cruzando a estrada por diante do pelotón o que en realidade provocou a caída.

“Nós sempre facemos accións pacíficas e coidamos de non facer dano a ninguén nin tampouco correr riscos para a nosa propia integridade”, explica Alexandre. Tamén Simón García, outro dos detidos no Corgo, salienta que “o obxectivo da protesta é visibilizar a bandeira, non tocar os ciclistas”.

Xosé Miguel Fernández foi outro dos detidos este domingo pola Garda Civil no Corgo por protestar contra o xenocidio durante a Volta. Varios participantes foron quen de expresar o apoio a Palestina durante a 15ª etapa ao situárense con pancartas contra o xenocidio na beira da estrada antes de que pasara o pelotón. "A Garda Civil esposounos e tívonos alí máis dunha hora retidos, a modo de castigo, pois xa pasara a caravana", sinala Fernández a este xornal.

No atestado, afirma, "acúsannos de pertenza a un grupo de manifestantes que se atoparían no percorrido da Volta portando bandeiras e pancartas de Palestina e que se introducirían na estrada no momento en que pasaba o pelotón retendo o tráfico e vehículos da proba, obrigándoos a deterse e pondo en perigo a integridade física dos corredores". Após a detención, foron levados ao cuartel: "Metéronnos en celas toda a tarde case até ás 23 horas, cando saíu a última persoa".

Condena da "represión"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou esta segunda feira a "represión" e trasladou o seu apoio ás mobilizacións e "a un pobo que está expresando a súa indignación ante a pasividade coa que a comunidade internacional actúa ante o xenocidio de Gaza”, que "se intentan silenciar”, lamentou. E a preguntas da prensa, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que “todos temos que centrar a nosa atención en pór fin á matanza e ao xenocidio que o pobo de Israel está a facer en Palestina".

36 localidades galegas claman contra o xenocidio e en apoio ao pobo palestino

Centos de persoas saíron esta segunda feira ás rúas de 35 localidades galegas para denunciar o xenocidio do pobo palestino e condenar o sionismo. Unhas accións reivindicativas que teñen lugar no camiño cara á manifestación nacional do 5 de outubro que convoca a Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina. Ademais, esta terza feira será a quenda de Ribadavia (O Ribeiro).