Máis

O Rosal brinda polo seu viño

A veciñanza reuniuse na Praza do Calvario en outubro de 2022 para participar nas actividades da Feira do Viño. (Foto: Concello do Rosal)
A vila pertencente á comarca do Baixo Miño mostra o seu gran patrimonio enolóxico durante a Feira do Viño que se celebrará durante os días 15,16 e 17 de xullo

A Feira do Viño do Rosal, declarada 'Festa de interese turístico' en 2015, regresa un ano máis a este concello do Baixo Miño para celebrar a súa XXXI edición. Durante tres días, 15, 16 e 17 de xullo, poderanse catar algúns dos mellores produtos que ofrece esta zona na praza do Calvario, un espazo que acometeu  hai un ano un proceso de rehabilitazión enmarcado no plan ReacPon impulsado pola Deputación de Pontevedra no ano 2021.

As adegas Novás e Pedregales, contactadas por Nós Diario,  sinalan que existe boa sintonía entre as empresas da comarca. O diálogo dentro do sector vinícola artéllase a través da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, unha asociación integrada por dez empresas coa Denominación de Orixe Rías Baixas que traballa para mostrar o seu patrimonio enolóxico. As adegas coinciden en que esta  feira actúa como revulsivo da actividade económica da vila, fomentando o comercio de proximidade e estimulando a propia produción dos negocios locais.

Ademais da cata de viños e da degustación de alimentos, o Concello tamén ofrece unha serie de exposicións culturais, actividades infantís e actuacións musicais que complementan as iniciativas gastronómicas.

O evento comezará o 14 de xullo cunha cata comentada a cargo de Jorge Vila DipWSET ás 12.30h. Posteriormente, ás 23h, Blues do País e o Sindicato da Verbena animarán a cita tocando algunha das súas versións de clásicos de Blues e Soul. Os seguintes días, a Feira do Viño tamén contará con acompañamento musical.

Ademais dos concertos tamén está prevista a organización dun  'showcooking' no que o cociñeiro  Alex Iglesias realizará un  espectáculo gastronómico.

*Feira do Viño do Rosal
14, 15 e 16 de xullo
Praza do Calvario no Concello do Rosal (Baixo Miño)
De balde