Rosa Regueiro: "88% da eólica galega está en mans alleas ao país"

Rosa Regueiro, doutorouse cunha tese sobre o sector eólico. (Foto: Nós Diario)
Rosa Regueiro leva moitas horas dedicadas a investigar o desenvolvemento do sector eólico na Galiza. Profesora de Economía Aplicada da USC, a súa tese de doutoramento versou sobre as orixes do negocio eólico na Galiza. Nesta conversa, achega a súa visión sobre a situación actual do sector.

—Leva moito tempo investigando sobre os operadores do sector eólico na Galiza, pero realmente quen son os auténticos donos do vento galego?
Os verdadeiros propietarios do vento galego son un grupo heteroxéneo formado fundamentalmente por grupos enerxéticos multinacionais e fondos de investimento internacional, que aproximadamente posúen 88% da potencia eólica instalada na Galiza. Este dato corresponde á análise fechada para o ano 2020, que non pareza que mudase de forma significativa vendo os resultados preliminares para datos actuais. Así, por exemplo, pódese afirmar que a enerxía eólica na Galiza pertence a Tussen de Grechten B.V. e Wit Europeae Inch de Holanda; Capital Research, Blackrock Group, Capital Group, Europacific Group e outros dos Estados Unidos; ou Qatar Investment Authority e Qatar Holding, localizados en Luxemburgo, ou mesmo Three Gorges da China. Estas empresas son os receptores finais dos beneficios xerados por esta actividade.

—Como explica que o complexo eólico estea basicamente en mans de empresas foráneas?
Cando en ano 2010 defendín a tese de doutoramento sobre a xénese e o desenvolvemento da enerxía eólica na Galiza desde 1995 até 2010, os resultados que se obtiveron foron semellantes, de feito, xa daquelas 75% de potencia eólica instalada na Galiza estaba en mans alleas.

Toda iniciativa enerxética é intensiva en capital, aínda que non en man de obra. E tamén sabemos que o capital non ten patria, senón que busca aquelas oportunidades que lle poidan dar maiores beneficios o antes posíbel. Ademais, na Galiza a normativa eólica que se articulou e o modelo de desenvolvemento que se promoveu, caracterizouse por ser extremadamente produtivista, e favorecía a participación de empresas aparentemente arraigadas aquí, tamén aparentemente non vinculadas, pero que en moitos casos só cumprían ter un domicilio social, ser como un satélite dun gran conglomerado internacional.

Dispuñan de capacidade económica, financeira, propia ou facilitada pola casa matriz, e tamén tecnolóxica, polo que podían competir por unha maior presenza dentro do negocio eólico galego.

—Que representan as compañías galegas dentro dese negocio eólico no país?
As empresas galegas tamén estiveron presentes, cunha maneira de negocio diferente e á vista dos datos, cunha presenza que semella testemuñal, e que se foi reducindo desde 2010 a 2020. Cabe citar empresas como Norvento, Engasa, Adelanta, Jealsa, Vento Continuo Galego, Fergo Galiza, entre outras.

—Á vista do acontecido nos últimos tempos, cales cre que van ser as tendencias futuras?
A situación semella non ter visos de cambiar, a pesar de que noutros países existen outros patróns de desenvolvemento eólicos de éxito, que promoven a participación de empresas locais, e mesmo da cidadanía propietaria dos solares eólicos ou quen o desexe. A este respecto, destacan os casos de Dinamarca, pero tamén hai exemplos en Alemaña, Francia ou Xapón.

Os modelos de propiedade eólica poden exercer unha forte influencia sobre a comunidade afectada e tamén sobre os responsábeis políticos. Na Galiza, a presenza maioritaria de inversores estranxeiros, que lideran procesos de concentración de capital, está favorecida por un marco regulatorio que non permitiu nin permite a participación doutros inversores/accionistas, como os propietarios de terras, agricultores ou particulares, feito que favorecería a aceptación social e o desenvolvemento local e rexional.

A hora da política

Rosa Regueiro “urxe unha profunda reflexión sobre o que está a acontecer coa expansión eólica na Galiza, sobre a afectación ambiental, e tamén sobre a lesión derivada da concentración do dereito de explotación nun reducido número de propietarios reais estranxeiros, que non teñen preocupación polo entorno no que se localiza o parque eólico, e que non promoven a visibilidade dos beneficios sociais”.

Precisamente, estas circunstancias están a provocar un rexeitamento aos proxectos eólicos até o momento descoñecida na Galiza e que debuxa un escenario moi diferente ao daquelas instalacións promovidas a finais do século XX e comezos do XXI. Porén, como sinala Regueiro “os gobernantes teñen capacidade para cambiar esta tendencia” polo que cómpren políticas que favorezan un desenvolvemento real do país.