Rosa Enríquez ve no Diario Galego un proxecto "optimista", "valente" e "moi necesario"

Conversamos coa escritora, profesora e colaboradora de Sermos Rosa Enríquez sobre o proxecto de lanzamento de O Diario Galego.

Optimista. Valente. Interesante. Moi necesario. Así ve Rosa Enríquez O Diario Galego, o proxecto de xornal en papel que Sermos prepara para 2019.

 

É valente, esclareceu, "porque as persoas que asumen o compromiso [do seu lanzamento] aceitan que existen uns riscos, mais non teñen medo e e deciden intentalo".

 

É "moi necesario", mesmo "urxente. E explica por que: O Diario Galego achegaría un ollar distinto. "Moitas de nós temos a impresión, cando lemos a imprensa ou vemos algún telexornal, que en todos os meios se nos conta a mesma historia, con algúns matices distintos, que neste momento non responden a cuestións ideolóxicas -porque isto, do meu ponto de vista, apenas existe-, senón a intereses puramente pecuniarios. Os grupos de comunicación son empresas e transmiten de acordo cos seus intereses económicos".

 

Fronte á uniformidade dos meios mainstream, O Diario Galego será, pensa Rosa Enríquez, un "espazo de resistencia desde o que poder oferecer unha visión distinta". Un ollar que, opina, debe ser "plural", partir dunha "liña feminista" e que debe recoller, "visualizar", os problemas "da clase traballadora galega".