Rosa Crujeiras inaugura un Reitorado histórico na Universidade de Santiago de Compostela
Crujeiras asume o Reitorado "coa plena consciencia da responsabilidade e do privilexio que implica servir á USC"
A Universidade de Santiago de Compostela escribiu esta sexta feira unha nova etapa coa toma de posesión de Rosa Crujeiras como nova reitora, nun acto celebrado no histórico Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Esta celebración estivo presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e contou coa presenza dos reitores da USC, Antonio López; da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Ricardo Cao. Tamén asistiron diferentes representantes académicos, insitucionais e membros da comunidade universitaria.
A cerimonia deu comezo coa intervención do reitor saínte, Antonio López, quen fixo balance da súa etapa á fronte da institución antes de formalizar o traspaso de poderes a Crujeiras. No seu discurso amosábase agradecido polos oitos anos no cargo e pedíalle a toda a comunidade universitaria que lle brindase o mesmo apoio, que declarou sentir durante este tempo, para a súa sucesora.
🎓 A Universidade de Santiago de Compostela escribiu esta sexta feira unha nova etapa coa toma de posesión de Rosa Crujeiras como nova reitora, nun acto celebrado no histórico Salón Nobre do Colexio de Fonseca.https://t.co/mNNKyhkbxR pic.twitter.com/bnwAsqEwpD
— Nós Diario (@NosDiario) April 10, 2026
As primeiras palabras
Na súa primeira intervención como reitora, Crujeiras destacou a plena responsabilidade que asume á fronte da Universidade e asume esta encomenda dende "a humildade, a vontade e o compromiso de traballo, de escoita e de diálogo".
A idea de comunidade vertebrou boa parte do seu discurso, sendo esta "un exemplo de acollida, de inclusión, de igualdade e de respecto". Crujeiras tamén puxo en valor a necesidade de crear "un espazo compartido" onde se poida desenvolver e fortalecer o sentimento de pertenza dos seus membros.
Outro dos eixos centrais da súa intervención foi a defensa do ensino público. A nova reitora afirmou que "cómpre ter presentes as nosas raíces" e declarouse filla dun ensino aberto e accesíbel. Reivindicando o sistema educativo público coma "un dos principais patrimonios colectivos dun país".
A catedrática de Estatística e Investigación Operativa, agora reitora, incidiu no papel da lingua galega como elemento central da vida universitaria, afirmando desta forma a propia identidade da institución. "A defensa da nosa lingua galega non limita a vocación universal da Universidade", engadiu Rosa Crujeiras.
Ademais da lingua, Crujeiras chamou "a reclamar o noso espazo na sociedade como axente activo de transformación social", sendo a súa unha voz baseada en diferentes valores. Algúns dos temas sociais sinalados foron a emerxencia social da vivenda e a saúde mental.
Un fito histórico
A toma de posesión de Crujeiras supón un fito nos cinco séculos de historia cos que conta a USC, pois é a primeira muller en ocupar o Reitorado. Por iso, a propia reitora situou o proceso como colectivo, agradecendo ás profesoras Flores, López-Couso e Nogueira. "Por todas as mulleres temos a obriga de consolidar unha institución verdadeiramente igualitaria", concluíu a reitora. Rosa Crujeiras ten por diante seis anos no cargo nos que poñerá especial foco nunha loita feminista e inclusiva.
O vicerreitorado de Crujeiras
Roberto Bande (Campus de Lugo), Lorena Añón (Estudantado, Igualdade e Benestar), Pablo Durán (Economía e Infraestruturas), Almudena Hospido (Investigación), Marcelo Maneiro (Innovación), Reyes Laguna (Ordenación Académica), Pablo Taboada (Profesorado) e Ana Cabana (Cultura) . Pola súa parte, Alicia Villalba é a nova secretaria xeral, uníndose así ao equipo de Rosa Crujeiras.
