Organizan unha romaría en Monfero contra os 'macroeólicos'

O ano pasado a organización veciñal xa convocara a misa "contra o pecado eólico" oficiada polo crego de Xestoso. (Foto: Plataforma Monfero Di Non)
O crego de Xestoso oficiará unha misa na defensa do territorio e a prol do traballo dos colectivos sociais e ecoloxistas.

A plataforma veciñal Monfero di Non celebra esta cuarta feira a segunda edición da romaría reivindicativa de San Lourenzo contra os 'macroeólicos' nas aldeas galegas.

O evento, inaugurado o pasado ano, decorrerá a carón do mosteiro de Monfero e contará cunha misa de campaña oficiada polo crego da parroquia de Xestoso (Monfero), Luís Rodríguez Patiño, que xa ten apoiado publicamente as reivindicacións sociais de "afastar estes parques das aldeas e dos núcleos de poboación".

Após a misa haberá unha sesión vermú con música en directo de DJ Fresco, e xa pola tarde, contra as 16.30 horas, producirase un encontro con diferentes plataformas e movementos sociais desta e doutras comarcas do país.

Posteriormente decorrerá un roteiro guiado polas inmediacións do mosteiro e actuacións musicais a conta de Fauna e Flora. A xornada rematará counha lectura nocturna simbólica do tarot, arredor das 23 horas, para "tentar descifrar cal é o futuro destas plataformas e que direccións deberán seguir no seu traballo de loita en contra dos polígonos macroeólicos nas aldeas".

Desde Monfero di Non subliñan que defenden "un sistema de enerxías renovábeis baseado no autoconsumo e a creación de comunidades enerxéticas" e, en definitiva, "un modelo no que a enerxía se produza a carón de onde vai ser consumida".

A plataforma naceu en xuño de 2021 após coñecer a veciñanza o proxecto eólico Pena do Corvo, promovido por Iberdrola ás portas das Fragas do Eume.

Alegacións contra o parque eólico Legre

Por outra parte, a asociación A-Legre organizou este domingo unha reunión aberta na que se recolleron sinaturas para presentar alegacións contra o parque eólico que lle dá nome, Legre, e a liña de alta tensión Gato-Mesón.

No encontro reiterouse a importancia "de facer ver ás empresas promotoras a cantidade de veciños que se opoñen a estes proxectos pola súa magnitude, cantidade, proximidade ás vivendas e efectos adversos dos muíños e das liñas de alta tensión para o rural, que, ademais, non suporán ningunha vantaxe socioeconómica".