Román Rodríguez descabeza a cúpula da Consellaría de Educación

O conselleiro Román Rodríguez, cando estaba á fronte da Consellaría de Cultura e Turismo (Imaxe: Europa Press).

O relevo á fronte da Consellaría de Educación de Carmen Pomar ten consecuencias na cúpula desta carteira, que Alberto Núñez Feixoo volveu xuntar á área de Cultura, tamén baixo a dirección de Román Rodríguez, posto que xa ocupara o posto de 2015 a 2018. 

A substitución de Carmen Pomar por Román Rodríguez á fronte da Consellaría de Educación tivo hoxe as primeiras consecuencias.

O Consello da Xunta de hoxe deu conta da destitución da cúpula educativa: Caen Manuel Corredoira, até o de agora director xeral de Educación, o segundo da Consellaría, desde 2012; José Manuel Pinal, director xeral de Centros e Recursos Humanos, desde 2009, e Jesús Oitavén, secretario xeral da Consellaría de Educación. Os tres xa traballaran ás ordes de Rodríguez.

Manuel Vila López ocupa desde agora a Secretaría Xeral. Fora o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa desde 2010. Un posto que deixou para ser secretario xeral técnico de Cultura.

José Luis Mira, quen fora director xeral de 2009 a 2012, levará Innovación Educativa, e Jesús Álvarez Bértolo, responsábel do centro de formación do profesorado de Pontevedra, encargarase dos Recursos Humanos. 

Os cambios coñécense no día do inicio do curso escolar, que estivo marcado pola folga convocada pola CIG, CCOO, CSIF e STEG, e polo anuncio dos directores e directoras dos institutos de Pontevedra de que non poderán iniciarse as aulas neses centros o día 16 de setembro, seguindo así o ronsel dos equipos directivos dos IES de Compostela.