Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

O rol catalizador dos super-contaxiadores na pandemia da Covid-19

Antonio Salas Ellacuriaga
Publicamos un extracto da análise de Antonio Salas Ellacuriaga, investigador da Facultade de Medicina Universidade de Santiago de Compostela. A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.

Dende hai moitos anos traballamos no eido das doenzas infecciosas. Entre outros temas, estudamos o compoñente xenético de doentes, e que pasaron por infeccións tales como a enfermidade meningocócica producida pola bacteria Neisseria meningitidis, o rotavirus, o virus respiratorio sincitial, etc. Afondamos fundamentalmente no estudo do material xenético dos doentes, estudando a súa variabilidade xenética (xenómica), as modificacións dese material fronte a circunstancias ambientais (epixenómica), a expresión dos xenes en distintos tecidos biolóxicos (mostras de sangue, naso-farínxeas, saliva, etc) e baixo circunstancias ambientais cambiantes (transcriptómica), así como os produtos moleculares finais dos xenes (proteómica).

A mediados de xaneiro do 2020 iniciamos un novo macro-proxecto financiado con fondos europeos e relacionado coas enfermidades infecciosas; un consorcio de especialistas co que xa compartiamos proxectos de investigación previos. Foi alí, en Bruxelas, ao tempo que se celebraba a nosa primeira reunión do consorcio, cando a enfermidade por SARS-CoV-2 asomaba, ameazante, por Oriente. De certo que non pintaba ben a cousa. Falábase dun salto zoonótico, dun foco de infección importante orixinado na cidade China de Wuham, e unha dispersión do mesmo a outras partes de Asia; recordando así outros sucesos epidémicos por coronavirus (SARS, MERS). Lamentablemente, co tempo, os medos fóronse materializando en forma de pandemia. Dous meses despois, decretábase un período de duro confinamento.

E así foi como, igual que outros equipos de investigación en Galicia e no mundo enteiro, nos puxemos a traballar no tema, coa ilusión de poder achegar o noso gran de area. Seguindo a nosa tradición de estudos previos, decidimos abrir moito o ángulo de tiro. O reto resultou ser acertado, xa que, dende entón, as investigacións do grupo se materializaron en varios traballos de natureza experimental e teórica. Un dos obxectivos deste esforzo foi o material xenético do coronavirus, esa pequena molécula de ARN formada por aproximadamente 30.000 letras (tecnicamente, bases nucleotídicas). 

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.