O verán de...

Roi Casal: "O interior da Galiza tenme fascinado"

O artista catoirense Roi Casal (Foto: Son galego son cubano).
Entrevistamos o artista Roi Casal para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Fálenos do seu momento actual no plano persoal e musical.
Estamos con moitos concertos da xira Son galego son cubano, así que no musical moi ben e ocupa case todo o tempo do persoal. Estou moi orgulloso do espectáculo e da historia que contamos cada noite que é a historia da Galiza e Cuba.

—Fálenos dos concertos de 'Son galego son cubano'.
Para nós é moito máis que un concerto. Quixemos fuxir da versión triste do que foi a emigración e centrarnos da marabillosa relación que se construíu entre Galiza e Cuba. Algo que constatou Neira Vilas que foi con quen escribín este espectáculo.

—Cal foi o mellor concerto da xira?
Moi difícil escoller pero eu diría cando estreamos Son galego son cubano no gran teatro da Habana. Custoume manter a enteireza porque só había tres meses que falecera Neira Vilas e foi un soño cumprido chegar a Cuba con este proxecto.

—Como lle gusta gozar dos días de verán?
Na ría de Arousa, teño unha debilidade polo mar.

—Cal é o lugar da Galiza en que máis lle gusta estar?
Recoñezo que o interior da Galiza tenme fascinado. Transmite unha esencia marabillosa e é a Galiza que temos que pór en valor. Galiza é un país incríbel.

—Praia ou piscina?
Piscina.

—A onde non iría nunca de vacacións?
Creo que todos os sitios teñen algo para ver.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Cando fun ao Sahara Occidental. Descubrín que en occidente damos por garantidas moitas cousas

—Se puidese ter un superpoder cal sería?
Darlle a todas as crianzas do mundo as mesmas oportunidades.

—Recoméndenos unha canción.
Abrazongo, unha homenaxe a Neira Vilas. É un poema del que musicamos e é o tema con que abrimos os directos.

—E un filme ou serie?
Serie gustoume moito Fariña. Creo que puxo en valor moito talento galego.