Voceiro da Plataforma pola Recuperación da Illa da Creba

Rodrigo Molinos 'Bolato': "O único que pedimos é que se respecte unha cuestión histórica"

Rodrigo Molinos 'Bolato'. (Foto: Nós Diario)

Esta pasada fin de semana, a Plataforma pola Recuperación da Illa da Creba levou a cabo unha ocupación “simbólica” e “pacífica” da Illa da Creba, fronte á parroquia de Esteiro, no concello de Muros. Os activistas reclaman a recuperación dunha “illa privatizada” para o “lexítimo dono: o pobo galego”.

Por que decidiron levar a cabo esta ocupación "simbólica" da Illa da Creba?

Nós queríamos desenvolver unha reivindicación que fose pacífica en todo momento, por suposto, porque cando presentamos no Concello de Muros unha iniciativa para a recuperación da Illa da Creba, votáronnos en contra. O primeiro obxectivo desta ocupación que fixemos era reclamar esta recuperación, e o segundo obxectivo era denunciar a situación na que se atopa este espazo.

Contamos co apoio do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que foi quen nos axudou para levar isto a cabo, así que con eles decidimos ir até a illa e realizar unha manifestación pública e simbólica para reclamar a súa recuperación.

Vostedes criticaron unha serie de irregularidades detectadas durante o tempo que pasaron na illa. En que situación se atopa actualmente?

Unha das actividades que levamos a cabo foi un recoñecemento da illa. Só estivemos na zona marítimo-terrestre da Illa da Creba, que é onde se permite camiñar.

Do que puidemos ver nestes dous días, constatamos que hai grandes alteracións na illa. Tanto na súa fisionomía, coa construción dun pazo e unha piscina para as que non se pediron os permisos pertinentes; como na reforestación da Creba, na que non se empregaron árbores autóctonas galegas. Todo este tipo de obras e modificacións fixéronse de maneira ilegal.

Cal é a resposta das institucións ante as súas reivindicacións e denuncias?

Neste momento, temos todo isto presentado ante a Xunta da Galiza. Imos agardar pola contestación do Goberno galego sobre todos estes asuntos. No Concello de Muros fomos preguntar e dixéronnos que non tiñan constancia de que se fixese  ningunha destas obras que che comentaba.

Nos pedímoslle ao Concello que vaia á illa para mirar todo o que se fixo. Eles din que ninguén presentou proba algunha de que se cometese irregularidade, pero se tampouco recibiron notificación de que se estaban a facer as obras, co cal é un razoamento algo contraditorio.

Vostedes reclaman a recuperación da propiedade da Illa da Creba.

O único que pedimos é que se respecte unha cuestión histórica. Durante máis de 2.000 anos a Creba estivo vencellada á parroquia e veciñanza de Esteiro. Queremos a recuperación da illa para coidala e regularizar o seu uso preservando os valores naturais deste espazo. Queremos que se atenda o interese xeral público e non os pequenos intereses privados. Para iso insistimos en que se leven a cabo as accións xurídicas canto antes.

Teñen pensado levar a cabo novas iniciativas ou van agardar pola resposta das administracións?

Agora imos dar un pequeno prazo para ver como se move o tema. Hai que entender que estamos no verán e non ten que facerse todo xa. O tema está na Xunta, tamén no Parlamento español, así que imos agardar un pouco. Non deberíamos facelo, mais entendemos que así funciona isto. Só pedimos que fagan o que teñan que facer, onde o teñan que facer, pero que o fagan. Dependendo diso faremos novas reivindicacións ou non.