Atribúe a acción dos axentes a unha "reacción" perante o intento okupa de entrar na Insumisa

Rocío Fraga nega que houbese carga policial contra a evidencia dun vídeo

Imaxe tomada por @elelopezf

Non houbo unha, senón tres cargas policiais contra o colectivo de okupas. Unha, pola mañá, a cargo da policía local. Dúas, pola tarde, protagonizadas pola policía nacional. Rocío Fraga, concelleira responsábel da seguranza cidadá, non outorga á actuación dos axentes locais o rango de carga contra os manifestantes, a pesar de ter habido feridos.

A policía local non tiña a orde de cargar contra o colectivo okupa que tentaba re-ocupar o centro social A Insumisa. E se houbo uso da violencia é porque os axentes se viron obrigados a repeler un ataque, o que terían perpetrado as persoas que quixeron romper as barreiras que impedían o seu acceso ás antigas dependencias da Comandancia de Obras, na Coruña. Esta foi grosso modo a versión dos feitos dada esta quinta feira por Rocío Fraga, unha das dirixentes da Marea Atlántica con máis nível político dentro do goberno que dirixe Xulio Ferreiro.

 

Porén, as imaxes gravadas en vídeo por unha xornalista de Radio Coruña poñen en evidencia que os policías si cargaron contra os manifestantes.

 

 

 

"Nunca houbo intención nen orde de facer unha carga policial, pola parte que nos toca, non houbo unha carga senón unha reacción perante o intento de entrar no espazo", dixo Fraga, quen a seguir subliñou que asumía todas as "responsabilidades" e que ía continuar a traballar para "tentar que a policía local traballe ben". A edil dixo lamentar a existencia de vítimas en "todos os lados", en alusión a axentes e okupas.

 

Fraga dixo non entender por que a policía nacional -que si estivo destacada perante a antiga comandancia durante a primeira hora da mañá- decidiu abandonar o lugar dos feitos, deixando sós os 6 axentes da policía local. Os efectivos do corpo estatal voltarían pola tarde, pertrechados para novas cargas.

 

Á hora en que rediximos esta información Xulio Ferreiro continúa sen realizar ningunha valoración sobre o incidente, saldado con sete persoas mancadas, cinco okupas e dous axentes.