O verán de...

Rocío Barrio: "Son un pouco 'friki' de Frankenstein"

A actriz, xornalista e presentadora Rocío Barrio. (Foto: Edu Pereira).
Entrevistamos Rocío Barrio para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Cóntenos sobre o seu momento actual, tanto persoal como profesional.
Pois agora mesmo estou gozando do verán, que é a miña época favorita do ano, e ao mesmo tempo, traballando para televisión detrás das cámaras. Tamén escribindo cancións para a miña banda (Maltine) e moi contenta con volver ás táboas co monólogo teatralizado A Síndrome de Lis, de Diana López Varela.

—Como lle gusta gozar do verán?
Son moi 'frioleira' e en canto fai bo tempo intento aproveitar para facer vida exterior todo o que podo. Encántame ir á praia, quedar con amigos, 'terracear', bailar, ir a concertos...

—Praia ou piscina?
Son máis de praia, pero a piscina ten o bo da privacidade, que ás veces apetece.

—Cal é o lugar da Galiza en que máis lle gusta estar?
Calquera onde a compañía sexa boa e se hai mar, mellor.

—Cando vai á praia, é máis de estar na area ou na auga?
50-50. Mollar e secar continuamente. A non ser que a auga estea conxelada.

—O mellor concerto da súa vida?
The Kills en Barcelona en 2016. É a miña banda favorita, eu celebraba o meu 30 aniversario e acabeinos coñecendo esa noite nun bar.

—A onde non iría nunca de vacacións?
A un lugar moi masificado.

—Prenda que nunca falla no verán?
Pantalóns curtos ou minisaias.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Cando descubrín Roma mentres estudaba Historia da Arte, ou cando estiven no Cervino. Son un pouco friki de Frankenstein e encantoume visitar os lugares da novela.

—Un festival ao que nunca falle?
Non son especialmente festivaleira a verdade, son máis de ir aos concertos dos grupos que me gustan.

—Unha canción, un libro e un filme que recomende.
Canción recomendo A elegancia da alegría de Chicharrón, libro A esmorga de Blanco Amor e filme Eroski Paraíso de Jorge Coira e Xesús Ron.