Un robot dunha empresa privada baixará ao pecio do 'Vila de Pitanxo' para investigar o naufraxio

Imaxe de arquivo do 'Villa de Pitanxo' (Foto: Nós Diario).
A investigación dos restos do navío afundido en Canadá terá lugar en 2023.

A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) acordou enviar un robot dunha empresa privada ao pecio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, afundido o pasado 15 de febreiro no mar de Terranova, fronte a Canadá, para avanzar na investigación sobre o naufraxio.

Baixar ao Pitanxo era unha das principais exixencias dos familiares e achegados dos 21 mariñeiros falecidos no sinistro. Desde hai meses, unha representación destes mantén reunións con representantes do Goberno español, tanto na Galiza como a nivel estatal, para demandar o descenso ao navío para conseguir máis probas.

Segundo detalla a Ciaim nunha nota de prensa publicada esta sexta feira, “as operacións desenvolveranse en varias fases. Inicialmente explorarase o fondo mariño no punto do afundimento do buque e na área circundante onde sexa máis probábel atopar o pecio”.

O organismo estatal explica que, “a pesar de que a procura podería non dar froitos, pois dependendo da rapidez do afundimento e as correntes mariñas na zona o pecio pode pousarse no fondo a unha distancia considerábel”, cre que é “probábel” atopalo perto do lugar do accidente, a 450 quilómetros do litoral canadense.

A baixada ao pecio, en 2023

Á espera de que o Goberno español aprobe a licitación do contrato para o aluguer do robot mariño -ao abeiro dos procedementos estabelecidos na Lei de contratos do sector público-, a Ciaim precisa que as operacións terán lugar en 2023, aínda que sen precisar unha data, “tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan”.

Unha vez o dispositivo localice os restos do Vila de Pitanxo, “procederá á súa inspección visual mediante un vehículo operado remotamente (ROV) dotado de cámaras para examinar distintos aspectos do buque, os seus equipos, das artes de pesca e do fondo mariño, que poidan resultar de interese para a investigación de seguridade”.

Mentres non se produza a baixada ao navío, a investigación continuará cos primeiros ensaios realizados coa maqueta do Vila de Pitanxo que o Executivo estatal acordou construír en setembro deste ano. Os ensaios desenvolveranse no laboratorio de dinámica mariña no Centro de Experiencias Hidrodinámicas do Pardo (INTA-CEHIPAR), que concluirán antes de finalizar 2022.

En canto ás conclusións da investigación que está a levar a cabo a Ciaim, o organismo está obrigado a presentar un primeiro informe antes que se cumpra un ano da súa constitución. Porén, a propia Ciaim precisa que, “dado que a investigación non concluiría no prazo dun ano desde o accidente”, prevé publicar en febreiro de 2023 un informe provisional,  “sen incluír conclusións nin recomendacións de seguridade”. O informe definitivo publicarase “unha vez conclúa a investigación, sen que sexa posíbel neste momento estimar un prazo para iso”.