Críticas á TVG por excluír dunha nova sobre unha enquisa que esta daba que BNG triplicaba representación

'Defende a Galega' considera que de existir o Consello de Informativos, previsto na lei de Medios, este pediría explicacións por esa cobertura.

O Telexornal desta segunda feira da TVG informou dunha enquisa realizada pola empresa GAD3 para o diario madrileño ABC, sondaxe na que o PSOE nunhas eleccións estatais continúa como forza máis votada, o PP aumentaría a súa representación, Unidas Podemos e Vox baixarían e o BNG triplicaría a súa representación, pasando do deputado actual a tres.

Porén, nos informativos da TVG a información deixaba fóra da información ese prognóstico positivo para a formación nacionalista. No Telexornal referíronse á enquisa incidindo que a mesma apontaba a “unha suba importante do Partido Popular”, que ficaría “a 5 deputados” do PSOE.

A seguir explican no informativo da canle pública galega que o Partido Socialista “manteríase como a forza máis votada”, segundo este traballo, cunha representación equivalente á que posúe na actualidade.

Para finalizar, a información da TVG afirma que “o resto das formacións empeora os seus resultados”. E aí remata a peza.

Na información do medio público deixábase fóra que esa sondaxe daba unha importante suba ao nacionalismo galego, que pasaría (sempre segundo esta enquisa de GAD3) de 1 a 3 representantes no Congreso.

Ese 'silenciamento' axiña tivo resposta nas redes sociais, onde representantes e líderes nacionalistas criticaron esa ausencia da información e pediron explicacións por este proceder.

Algo que tamén se fixo desde o colectivo 'Defende a Galega', que a través da súa conta de twitter puxo o vídeo da referida  información dada pola TVG e manifestou: “Deixou fóra da información un partido galego que triplicaría representación: O Bloque. Un Consello de Informativos pediría explicacións. Pero, nun evidente incumprimento da lei de medios, non existe tal órgano. Por que será?”

A sondaxe outorga 120 representantes ao PSOE (3 menos que os atinxidos nas eleccións españolas), ao PP 115 ( unha suba de 26 representantes) e 35 a Vox (que perdería 17 deputados). Unidas Podemos lograría de se realizar agora unhas eleccións 28 escanos, 7 menos.

Sempre segundo esta enquisa, ERC lograría 13 deputadas (as mesmas que ten), CUP 3 (1 máis) e Junts per Catalunya 7 (1 menos). O PNV mantería os 6 representantes que ten, ao igual que EH Bildu cos 5 que posúe agora. O BNG pasaría de 1 a 3.