O risco dun incremento combinado de Covid e gripe chama a unha "protección dobre" dos grupos de risco

A campaña da gripe comezará en outubro: será secuencial e compatíbel coa vacina da Covid nos grupos de máis idade. (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
A Galiza retoma a vacinación fronte a Covid nun momento de "tranquilidade" e sen novas variantes de preocupación. Con todo, a combinación do coronavirus co virus da gripe pode ocasionar dificultades durante o inverno. Lograr esta dobre protección en grupos de risco e maiores é o obxectivo.

 A vindeira segunda feira a Galiza inicia a campaña de vacinación de outono fronte á Covid. Perto de 22.000 persoas usuarias de residencias serán as primeiras destinatarias da cuarta dose que a Comisión Europea mais o Centro Europeo de Control de Enfermidades e a Axencia Europea de Medicamentos recomendaron administrar a maiores de 60 anos e persoas vulnerábeis o pasado mes de xullo.

"O antes posíbel", advertían entón as autoridades europeas, nun momento en que as farmacéuticas apuraban o proceso de actualización das vacinas para adaptalas ás novas variantes. A día de hoxe xa están autorizados os fármacos inxectábeis adecuados a Ómicron, polo que a espera permitirá comezar o actual período de vacinación coa formulación renovada.

Os estudos realizados demostraron que non vai haber relevancia clínica entre a protección dunhas bivalentes e outras porque son moi parecidas

O pasado día 14, a Xunta da Galiza confirmou a chegada á Galiza de 77.600 doses da vacina contra o coronavirus. "Estas doses atenden á formulación nova de Moderna, que protexe tamén contra a variante Ómicron", confirmou Sanidade a Nós Diario. Empregaranse, polo tanto, vacinas novas

Reforzo xustificado

Este segundo reforzo en colectivos de maiores e grupos de risco está xustificado, apunta a este xornal José Gómez Rial, inmunólogo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. "Son persoas vulnerábeis e maiores que pola súa condición de inmunosenescencia, contan cun sistema inmune deteriorado pola idade que fai que a resposta á vacinación non sexa tan efectiva como no resto da poboación".

O experto considera un acerto a espera polas vacinas bivalentes, que ofrecen protección fronte á cepa orixinal de 2020 e fronte a Ómicron, responsábel da maioría de infeccións rexistradas este ano. "É un paso importante, xa que as outras quedaran obsoletas ao ir dirixidas a unha variante que non está circulando".

Coa Covid sucedeu o que acontece noutros casos, as vacinas actualizáronse aos novos serotipos dominantes. Tanto Moderna como Pfizer BioNTech desenvolveron dúas versións de vacinas bivalentes baseadas especificamente na Ómicron BA.1 e nas Ómicron BA.4 e BA.5, ademais de na cepa orixinal do SARS-CoV-2. A EMA xa autorizou o uso das dúas de Pfizer e da primeira bivalente de Moderna. "Os estudos realizados demostraron que non vai haber relevancia clínica entre a protección dunhas bivalentes e outras porque son moi parecidas. Todas van cumprir o seu obxectivo: actualizar a inmunidade fronte a Ómicron e ofrecer protección fronte a todas as variantes coñecidas deste coronavirus", afirma Gómez Rial. 

A Xunta da Galiza estima que en dúas semanas poderán estar totalmente administradas as doses nas residencias de maiores. Nese momento arrancaría a vacinación dos maiores de 60 anos, comezando polos de 80. En principio, serán citados nos grandes centros de vacinación, que volverán abrir as súas portas na primeira quincena de outubro, mais sen descartar os centros de saúde para quen teña dificultades de mobilidade.

Protección fronte á gripe

Unha vez conclúa a vacinación de maiores e grupos de risco comezará a do persoal sanitario e sociosanitario, que como os anteriores poderá recibir a vacina da gripe de forma simultánea.

A combinación de Covid e gripe pode dar bastantes problemas no inverno, de aí que o obxectivo sexa esa protección dobre

Ao resto da poboación xeral, advirte José Gómez Rial, "non hai necesidade de estender a vacinación. A inmunidade adquirida durante estes anos, de forma artificial ou de forma natural, é suficiente para facer fronte a todas as variantes coñecidas". Ademais, estamos nun momento tranquilo no que a OMS parece "próxima a anunciar a fin da pandemia". "Que non aparecesen novas variantes de preocupación nos últimos meses é indicativo de que o virus está entrando nunha fase endémica", di. Será un virus respiratorio máis, como o da gripe. Un virus estacional que coa chegada do inverno incrementa a súa incidencia, o que  fai pensar nunha suba de casos combinados.

"A gripe parece que está volvendo con forza. Vémolo en Australia. Hai que ter en conta que estes anos apenas estivo circulando e o noso sistema inmune ten que volvelo a recoñecer e a facerlle fronte. É unha infección respiratoria a ter moi en conta, sobre todo entre os colectivos de risco. A combinación de Covid e gripe pode dar bastantes problemas no inverno, de aí que o obxectivo sexa esa protección dobre", conclúe o inmunólogo.