Segundo adiantou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os ao redor de 22.000 galegos e galegas usuarias de residencias da Galiza empezarán a recibir a cuarta dose da vacina contra o coronavirus o próximo 26 de setembro.
O Goberno galego recibiu confirmación do Ministerio de Sanidade de que contará con case 77.000 vacinas para o inicio desta nova fase de inoculación, fixado na recta final deste mes.
Así, a Xunta seguirá a pauta marcada pola estratexia de vacinación a nivel estatal, que acordou protexer primeiro as persoas maiores de 80 anos e despois o colectivo entre 60 e 80, explicou Rueda.
Con todo, precisou que a Administración galega empezará o día 26 "vacinando a todos os maiores que vivan en residencias, non só os maiores de 80". "Isto faino todo máis sinxelo, rápido e efectivo", resaltou.
Centros de vacinación masiva
"Cando terminemos, empezaremos a vacinar á franxa de 60 a 80 anos", puntualizou, momento no que, a Xunta recuperará os grandes espazos de vacinación habilitados no pasado nas sete áreas sanitarias.
Eses centros de vacinación masiva, dixo Rueda, reabrirán "sempre que sexa posíbel e compatíbel o seu uso, porque se demostrou que era unha boa medida organizativa".
O presidente da Xunta confía en que o proceso "sexa rápido". "Se temos as doses tentaremos rematar canto antes", finalizou.