Coñecer máis aló das Illas Atlánticas

A riqueza lendaria das insuas

Illa Coelleira. O Vicedo.
Ao longo de toda a costa galega eríxense infinidade de illas e illotes que supoñen un punto estratéxico natural. Estes emprazamentos caracterízanse por unha gran biodiversidade mariña e territorial e, tamén, por seren obxecto das máis antigas lendas tradicionais. As insuas máis recoñecidas, na actualidade, son aquelas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Porén, tamén existe un patrimonio natural e cultural alén delas.

Mil cincocentos quilómetros. Esta é, aproximadamente, a distancia que mide un dos maiores tesouros da Galiza: a súa costa. Desde as Rías Baixas até a Mariña, o mar e a terra atópanse dando lugar a un dos máis valiosos agasallos, un espazo único no que conflúen a beleza da biodiversidade floral co encanto da fauna salvaxe.

A riqueza medioambiental litoral galega atopa o seu máximo expoñente nas infinitas illas dispersadas ao longo das rías de todo o país. Algunhas confórmanse en arquipélagos e ocupan grandes hectáreas de terreo. Outras, pola súa parte, non logran ser algo más que pequenos illotes rochosos. As Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada son as catro insuas máis recoñecidas da costa galega. Incluídas dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas da Galiza, presentan unhas características e un enclave que as fan acaparar a atención turística e os focos de recoñecemento natural. Mais tras elas existen outras paraxes cunha gran riqueza paisaxística e, ademais, cun considerábel valor patrimonial e cultural. Outras illas que contan con moita menos sona ante os turísticos ollos populares debido ao seu menor tamaño, ao seu difícil acceso ou ao seu estado de abandono por parte das institucións locais.

As lendas insulares

É difícil atopar, entre os múltiples emprazamentos terrestres que se erixen ante as costas galegas, illas que non estean asociadas á diversidade de lendas ou mitos da crenza popular. A Illa Coelleira, a Illa da Creba e a Insua do Medio son tres territorios que se viron sometidos aos contos das vellas linguas. Invadida case na súa totalidade pola presenza dos animais que lle dan nome, a Coelleira está situada entre os concellos de Mañón e O Vicedo. A súa importancia patrimonial vén dada pola presenza dun antigo mosteiro de orixes descoñecidas. A oralidade popular non se pon de acordo a respeito da súa construción. Unhas fontes explican que foi erixida baixo o reinado de Leovixildo no século I; outras, que foi refuxio onde os cabaleiros templarios se agocharon de Felipe “El Hermoso”.

A illa Coelleira conta cun mosteiro atribUíDO ao rei Leovixildo e á época dos cabaleiros templarios

Ao igual que a anterior, a Illa da Creba (parroquia do Esteiro, Muros) tamén conta cunha lenda a respeito da capela que a decora. Esta remóntase aos tempos pasados nos que o emprazamento non estaba separado da superficie terrestre. Dise que aquel lugar estaba habitado por mouros até que os cristiáns decidiron asasinalos todos. A única que sobreviviu a tal desfeita foi a filla do xefe, unha rapaza que, furiosa, invocou o diaño. Este afogou o pobo católico e separou o terreo até convertelo nunha illa.

A insua do Medio, pola súa parte, é unha pequena illa enfrontada á praia de Covas, en Ferrol, que conta cunha capela de orixe románica dedicada á Santa Comba. Dise que a santa chegou até este lugar acompañada do seu fillo, tras domar as ondas do mar nunha barca de pedra sen remos.

Mais alá da oralidade

Tamén existen, mais son escasas, outras illas que non están suxeitas a mitos e fábulas tradicionais que sustenten o seu valor cultural. Son lugares que destacan pola súa riqueza paisaxística e pola súa diversidade animal. Á hora de falar delas podemos pór como exemplos as illas Marola e Marolete, a illa Pancha, a de San Vicente, o arquipélago de Lobeiras e as illas de San Pedro.

A Marola e o Marolete son dúas grandes rochas graníticas que se erixen entre a bravura do mar Atlántico, na costa do concello de Oleiros. Perto delas atópanse as illas de San Pedro, pertencentes ao concello da Coruña. Ambos os lugares non destacan por unha gran presenza floral, senón por dar acubillo a infinidade de aves como o paíño, os corvos mariños e os ostreiros.

A illa Pancha de Ribadeo posúe dúas construcións fareiras. Unha datada en 1857 e outra no século XX

O arquipélago das Lobeiras, pola súa parte, atópase disperso pola ría de Corcubión. A súa é unha terra marcada por grandes e múltiples naufraxios de épocas pasadas. Está formado por tres enclaves denominados o Corrumeiro, Lobeira Chica e Lobeira Grande. Esta última conta cun gran porto e un fermoso faro automatizado que facilita a navegación da ría.

A illa Pancha, erixida fronte a Ribadeo, posúe tamén construcións fareiras. Máis concretamente, dúas.

Unha primeira datada en 1857 e outra xurdida no século XX, en substitución da anterior. Esta insua está caracterizada por unha plena vexetación herbácea que conflúe co mar a través de multitude de rompentes. Tamén consta dunha ponte que a conecta con terra firme, mais están prohibidas as visitas.

Para saber máis: Illa de Tambo. A eterna aspirante

A de Tambo é unha illa situada na boca da ría de Pontevedra. Se ben non desfruta do éxito das insuas atlánticas, non sofre o silencio que caracteriza ás máis descoñecidas. Xunto coas Sisargas, foi unha das candidatas a pertencer ao selecto club do Parque Natural das illas das Rías Baixas. Un obxectivo que non alcanzou por mor de dous problemas.

En primeiro lugar, este espazo estivo ocupado desde o século pasado até o 2002 con fins militares. Pertenceu á Escola Naval de Marín, que a utilizou como un grande arsenal de armas militares e de pólvora e non permitiu o seu acceso público. Unha prohibición que perdurou até o ano pasado, a pesar de que na actualidade é propiedade do Concello de Poio.

En segundo lugar, é o reflexo da problemática medioambiental que asolaga a ría. A proximidade á fábrica de Ence e a contaminación das augas son a causa principal pola que non se lle concede a entrada como illa do Parque Natural. A insua de Tambo eríxese como unha estrutura piramidal de forma ovalada. Conta cunha pequena península na que se atopa o faro, e con dúas praias e tres embarcadoiros. A pesar de non posuír unha fauna diferenciada da que se poida atopar en terra, a súa paraxe é un lugar de peregrinación turística sempre que se permiten as visitas.

Esta reportaxe foi publicada no número 356 do semanario Sermos Galiza en papel.