Parque Nacional das Illas Atlánticas

Ons reclama compatibilizar a declaración patrimonial co acceso libre da veciñanza

Praia das Dornas, na Illa de Ons [Imaxe: turismo.gal]

A candidatura para a Declaración de Patrimonio da Humanidade que a Xunta está a impulsar para o Parque Nacional das Illas Atlánticas suscitou gran resposta entre a veciñanza de Ons, as súas familias e persoas achegadas. A todas elas a Xunta pretende limitar o acceso á illa por medio da Declaración, mentres o concello de Bueu reivindica o seu libre acceso. O alcalde Félix Juncal sinalou a Sermos Galiza a necesidade de compatibilizar a Declaración cos dereitos da veciñanza. O concello de Vigo sumouse tamén á reivindicación das e dos illáns.

Veciñas e veciños da Illa de Ons estanse a mobilizar contra a proposta para a Declaración de Patrimonio da Humanidade que a Xunta de Galiza promove para o Parque Nacional das Illas Atlánticas. A candidatura da Xunta implica a limitación do acceso ás Ons das persoas residentes, coñecidas historicamente como as e os “illáns”, así como das súas familias e das persoas achegadas.

O Goberno galego vén de pór sobre a mesa un novo criterio, tentando dar marcha atrás ante as queixas da poboación. Desta maneira, anunciou a expedición de carnés para as persoas residentes en Ons que terán que amosar para poderen acceder ás súas vivendas á hora de coller o barco. Porén, a principal reivindicación da veciñanza e do concello de Bueu é lograr o libre acceso para as veciñas e veciños, sen teren que amosar carnés como acontece coas persoas residentes e propietarias nas Illas Cíes. Tamén reivindican o libre acceso para as súas familias e as súas persoas achegadas.

“É absolutamente compatíbel e imprescindíbel unha Declaración de Patrimonio da Humanidade co acceso libre para a veciñanza e as súas familias”, reivindica Félix Juncal

“É absolutamente compatíbel e imprescindíbel unha Declaración de Patrimonio da Humanidade co acceso libre para a veciñanza e as súas familias”, reivindica Félix Juncal (BNG), alcalde de Bueu.

A ese respecto, o rexedor afirma en declaracións a Sermos Galiza que “Ons conservouse grazas ás persoas que a habitaron, traballaron e coidaron”. Agora, en cambio, teñen que pagar cánones á Xunta, impostos de IBI ao concello como concesionario, así como pagar polas terras. A consecuencia, lamenta Juncal, é que “todo está a monte, sen coidar, e non hai unha conservación adecuada do entorno natural”. Lembra ademais que no caso das illas Cíes as persoas con propiedades non precisan ningún carné. “Como calquera recurso natural cun valor ambiental moi elevado ten que haber un control, un cupo de visitantes mais non para as e os illáns e as súas familias”.

“ Ons conservouse grazas ás persoas que a habitaron e a traballaron”, sinala o alcalde de Bueu

O cerne do conflito está en 2001 cando a Xunta de Galiza, a través da Lei 5/2001, estabeleceu o réxime de concesión sobre as vivendas como un ben de dominio público, ao igual que en Cíes e Sálvora.

Mais a diferenza radica en que naquel momento si se recoñeceron as propiedades existentes en Cíes, mentres que a Illa de Ons optouse por adquirila mediante expropiación, declarando como ben de dominio público a totalidade da illa, incluídas as casas que nunca antes estiveran adscritas a ningún uso público, “xa que sempre tiveran un uso particular”, remarca Juncal.

Juncal reivindica Ons como “un recurso natural extraordinario cun inmenso valor humano e etnográfico. Debemos garantir a pervivencia cara ao futuro do patrimonio inmaterial”

Desde o Concello de Bueu aseguran que están a defender o dereito de propiedade das familias que historicamente habitaron a illa, cuxas casas foron construídas polos seus antepasados. Así é que desde o consistorio elaboraron xa en 2011 un informe xurídico que se levou ao Parlamento galego daquela a través dos grupos do PSdeG e BNG, mais que non saíu adiante pola oposición do PP.

“Agora, dentro do que é a tramitación da declaración de Patrimonio da Humanidade preténdese alterar a relación histórica das persoas co seu territorio, costumes, cultura e tradición”, lamenta Juncal, quen reivindica Ons como “un recurso natural extraordinario cun inmenso valor humano e etnográfico. Debemos garantir a pervivencia cara ao futuro do patrimonio inmaterial”.

Caballero reivindica a candidatura que impulsa o concello de Vigo para declarar as Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, e que deixa fóra Ons

O Concello de Vigo apoia a veciñanza de Ons e reivindica a súa candidatura a Declaración de Patrimonio frente a da Xunta

Cuarta feira 21 de agosto, máis de 70 residentes na illa de Ons desprazáronse ao concello de Vigo para reunirse co alcalde Abel Caballero (PSdeG), quen expresou o seu apoio na loita para accederen libremente ás súas vivendas.

Desta maneira, Caballero reivindicou a candidatura que impulsa o concello de Vigo para declarar as Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, e que deixa fóra Ons, fronte a candidatura impulsada pola Xunta de Galiza que si a inclúe.

A veciñanza tachou de “chapuza” a proposta promovida pola Xunta e Caballero prognosticou que non haberá “candidatura da Xunta porque as e os habitantes de Ons non a queren". 

O alcalde de Vigo asegurou ademais que enviará cartas ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e aos ministerios de Cultura e Medio Ambiente solicitando o apoio das institución públicas ás reivindicacións da veciñanza de Ons.