“Os ríos non son privados, son bens públicos”

Fernando Branco, no centro entre Paulo Carril e Susana Méndez, na presentación das sinaturas en xullo.
Fernando Branco, responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria, será o encargado de defender esta terza feira no Parlamento galego unha ILP para a recuperación polo sector público das concesións das explotacións hidroeléctricas en todo o país. A ILP ten o apoio de máis de 13.000 sinaturas, presentadas en xullo pasado despois dunha intensa campaña que comezara hai un ano. Ademais, a iniciativa da CIG xa tivo eco no propio Parlamento con propostas do BNG e de En Marea, a última, a semana pasada. 

Nos próximos 15 anos rematarán as concesións de 17 saltos de produción eléctrica na bacía Galiza-Costa e 7 máis na Miño-Sil. A maioría son minicentrais. A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que defenderá Fernando Branco esta terza feira no Parlamento pretende que as Administracións -as competencias da xestión das concas están repartidas entre a Xunta e o Estado- se poñan a traballar xa para recuperar eses saltos cando vaian caducando as concesións. “Que empecen tres anos antes de que se cumpran os prazos, que non pase como agora que se alongan os prazos polas reclamacións das empresas e non dan completado os trámites para reverter eses saltos”, di Branco a Sermos Galiza en referencia á comparecencia a semana pasada da directora de Augas de Galiza, María Gutiérrez.

As 166 centrais galegas están en mans privadas, 90% da produción eléctrica instalada repercute nas contas de resultados de tres compañías (Iberdrola, Naturgy e Endesa), pero o responsábel de Enerxía da CIG quere ir máis aló nos seus argumentos diante da Cámara. “Temos que facer pedagoxía, algo como o que se conseguiu respecto da AP-9”, di Branco, “que se socialice que ríos non son privados, son bens públicos. Parece obvio, pero non o é: estamos afeitos a que detrás do nome de tal encoro ou tal presa vaia o nome da empresa. O que temos que poñer en evidencia, empezando no Parlamento, é que as concesións foron acordos con empresas que fixeron un investimento e que se fixaron uns prazos para que recuperaran os cartos e, despois, devolver en perfecto estado as instalacións. É un acordo finito. Está na lei”.

Temos que facer pedagoxía, algo como o que se conseguiu respecto da AP-9, que se socialice que ríos non son privados, son bens públicos

Os promotores da iniciativa tiñan previsto reunirse esta segunda feira co grupo parlamentar do PP. Branco non quere aventurar con que apoios contará a ILP mañá na Cámara. Mais non renuncia a convencer unha maioría das parlamentarias e parlamentarios. “Con pedagoxía”, insiste, “non estamos falando nin de expropiar nin de intervir empresas. A orixe dos aproveitamentos hidráulicos é pública, e ao público ten que volver”.

Branco explica que a ILP propón como solución crear unha empresa “pública ou mixta” e “galega” que empece a xestionar os encoros en canto se vaian recuperando. Mais concede que os promotores non entraron ao detalle na cuestión de se haberá que derrubar algunhas presas porque as cuestións medioambiental sexan máis determinantes que as económicas.

A orixe dos aproveitamentos hidráulicos é pública, e ao público ten que volver

En calquera caso di que ofrecerá ao Parlamento exemplos de como levar adiante as políticas que se recomendan na ILP. “No Pirineo aragonés iniciáranse os procedementos para reverter catro concesións que caducaban, aprendemos moito daquela experiencia. Andorra desenvolveuse economicamente a partir dun acordo para a explotación dun encoro. A goberno negociou para ter a luz a prezo de custe e para que se fixeran vías de comunicación. Foi o despegue de Andorra, e hoxe ese salto volve ser público”.