O río Lérez "estábel" após unha semana preocupante

O río Lérez ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Europa Press)
Carme da Silva, concelleira do Ciclo da auga de Pontevedra, sinala que medidas como o "feche de Ence" logrou a estabilidade no caudal. 

A concelleira do Ciclo da auga de Pontevedra, Carme da Silva, detallou que ao longo da última semana o río Lérez tivo un comportamento "bastante estábel", en contraste coa quincena anterior, na que o caudal baixara de maneira "moi preocupante" e obrigara a activar as medidas de aforro por parte do Concello da cidade e outros da súa contorna.

"O feche de Ence e dos turbinados das centrais que hai no río parece que lograron manter, de momento, a estabilidade no caudal", sinalou a concelleira.

Na reunión onte do grupo de información e seguimento do plan excepcional ante a seca, constituído por todos os municipios que se abastecen do río Lérez, Da Silva trasladou unha proposta que ten como base as diferentes presas existentes ao longo do río Lérez: Pontebora, San Xusto, Anllo, Almofrei 1 e Almofrei 2.

A idea do Concello consiste en que, de empeorar a situación do caudal do río, debería facerse un traballo de coordinación e laminación da auga destas presas para ir combinando estas reservas coas do Pontillón de Castro.

Alén diso, a concelleira sinalou que os servizos técnicos municipais están a estudar todos os grandes consumidores de auga do municipio para "informalos e recomendarlles actuacións que reduzan o consumo". 

A Xunta pide “responsabilidade”

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, fixo un chamamento para que toda a poboación e as institucións actúen con "responsabilidade para salvar o verán" diante da "seca prolongada" no país, con especial alarma en Pontevedra pola prealerta na conca do Lérez.

Sobre se as medidas actualmente en vigor, como evitar baldeos, regas de xardíns e outros usos de lecer, insistiu en que "se cadra" podería "salvarse o verán" coas reservas de auga que de encoros e ríos.