O posíbel transvasamento dos ríos Verdugo e Oitavén chega ao Parlamento da man do BNG

O deputado Manuel Lourenzo insistiu en preguntar á conselleira Ethel Vázquez se o Goberno galego descarta definitivamente un transvasamento, así como un encoro na zona de Forzáns, en Pontecaldelas.
Comparecencia desta cuarta feira da conselleira Ethel Vázquez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Comparecencia desta cuarta feira da conselleira Ethel Vázquez. (Foto: Nós Diario)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento, Manuel Lourenzo, preguntou nesta cuarta feira á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, se a Xunta apoia un novo encoro no Oitavén, na zona de Forzáns.

A cuestión de fondo desta pregunta era coñecer a postura da Xunta en relación ao posíbel transvasamento do propio Oitavén e do río Verdugo para abastecer de auga Vigo.

Precisamente, a conselleira insistiu en que o abastecemento de auga da cidade a e o suroeste da Galiza está "garantido", e remitiuse ao estudo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil a este respecto. 

A propia Ethel Vázquez afirmou no día de onte que o Goberno galego non estudaba como unha opción o transvasamento dos dous ríos, senón que a continuidade do abastecemento depende doutros factores que non teñen que ver coa construción dun novo encoro que complemente o de Eiras, no concello de Fornelos de Montes.

Pregunta do BNG

Na súa intervención, o deputado nacionalista criticou a "reviravolta" da Xunta na postura sobre que medidas adoptar. 

Lourenzo insistiu en preguntar se o Goberno galego descarta definitivamente un transvasamento, así como un encoro na zona de Forzáns, no concello de Pontecaldelas.

Ethel Vázquez respondeu que "non podemos apostar por un encoro sen un aval ambiental que debe acreditar a Confederación", delegando na mesma esta cuestión, mais sen negar que estea en contra do mesmo.

A conselleira subliñou que hai unhas "garantías de abastecemento de 100%" de auga nesa zona. "O que se estuda aí é para 2070", dixo sobre o que se proxecta de cara ao abastecemento a futuro.

Comentarios