Entrevista

Ricardo Cao, reitor electo da UDC: "O financiamento da universidade pública ten que aumentar e ordenarse"

Ricardo Cao, novo reitor da Universidade da Coruña. (Foto: UDC).
Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965) será o reitor da Universidade da Coruña durante os próximos seis anos. A mediados de xaneiro asumirá un mandato no que aspira a "facer a mellor universidade posíbel", un obxectivo que fía a unha maior  equidade, talento, humanización e financiamento.

—Parabéns. A súa candidatura logrou o apoio maioritario da comunidade universitaria.
Síntome moi honrado. Conseguir o apoio maioritario –66%– e homoxéneo do persoal docente investigador funcionario, do resto do persoal docente investigador, do persoal técnico e de xestión e do alumnado para min é unha honra e unha responsabilidade. E síntome moi ilusionado, malia a cantidade de traballo que teremos que asumir nos vindeiros meses por mor da implantación da Lei Orgánica do Sistema Universitario que entrou en vigor en abril.

—Que esforzos concretos vai exixir a aplicación desta norma?
No prazo de dous anos a lei prevé varias mudanzas, pero nos próximos meses o esforzo máis importante vai ser a redacción duns novos estatutos ou, polo menos, a reforma substancial dos actuais. En calquera universidade os estatutos son esenciais,  por iso queremos que o proceso de creación sexa moi participativo, para adoptar as grandes decisións de forma consensuada.
A LOSU dá liberdade en moitos aspectos, como é a estrutura da universidade, e obriga a facer cambios importantes noutros  ámbitos, por exemplo, no relativo ao proceso de selección do persoal funcionario. O certo é que o desenvolvemento da lei foi máis lento do desexábel, pero axiña teremos máis información para facer as adaptacións necesarias e funcionar xa con sistemas novos nos prazos que a lei ordena.

—Hai asuntos que non teñen que ver cos estatutos. Cales figuran na súa lista de prioridades?
A reforma da relación de postos de traballo foi un asunto que saíu de forma recorrente na campaña, durante o proceso de escoita da comunidade universitaria. A última que se aprobou hai algo máis dun ano creou bastantes disfuncións e é necesario facer algúns cambios de forma urxente, polo que iniciaremos un diálogo social franco cos traballadores e cos seus representantes para detectar e programar esas mudanzas. Ademais, un 50% do profesorado universitario funcionario vaise xubilar nos próximos oito anos. Isto significa que temos que empezar a planificar o relevo xeracional e lograr que a entrada na universidade sexa a través de figuras non precarizadas. Hai que identificar en que áreas de coñecemento están as necesidades máis urxentes e ir suplindo as futuras ausencias.

Pero hai outras tres cuestións fundamentais e a primeira é o financiamento. A LOSU estabelece un 1% do PIB para as universidades públicas de aquí a 2030, o que supón un incremento considerábel, un tema prioritario que hai que acordar desde as Administracións e no que urxe poñerse a traballar, para ver como se vai aplicar ese aumento ao longo do tempo. 

—O plan de financiamento actual da UDC atende as necesidades da universidade?
O plan de financiamento das universidades galegas, e en particular da UDC, está infrafinanciando a parte estrutural da universidade. Os custos de persoal, consumo e mantemento básicos non están cubertos pola parte do plan acordada coa Xunta da Galiza, e iso hai que mudalo. Vai ser unha das miñas teimas desde o primeiro momento.

O plan de financiamento, ademais de contemplar un aumento xeral, debe garantir os custos de persoal, porque senón propicia unha serie de convenios específicos que a Xunta pon enriba da mesa que nos obriga a executalos en malas condicións, dando pé a un emprego precario. Os mesmos fondos mellor ordenados outorgaríannos maior liberdade para organizarnos e non depender de prazas excesivamente inestábeis, sobre todo de profesorado novo. 

—Apuntaba outras dúas cuestións prioritarias, ademais do financiamento.
Si, no proceso de escoita saíron outras dúas ideas forza. Unha é a equidade, a igualdade de oportunidades tanto no acceso á universidade como na permanencia, cunha política de bolsas propia complementaria das da Xunta e o Estado. Imos traballar neste sentido, para reducir o risco de abandono dos estudos universitarios, mais tamén para intensificar o apoio e salvagarda do benestar e da saúde mental. Estenderemos o programa 'Afrontemos' que se desenvolve no campus de Ferrol a toda a UDC, porque identificamos gran necesidade de apoio psicolóxico.

A outra é a humanización, tanto da propia normativa académica como dos espazos, dos edificios, faltos de mantemento por mor dun financiamento inadecuado. En 2009, a UDC tiña un orzamento de 138 millóns de euros,. Até 2002 non volveu alcanzar eses valores en termos absolutos, mais se descontamos a inflación, vemos que foi 12% menor, e aínda en 2023 un 4,9% máis baixo, malia superar xa aquela cifra. O financiamento ten que contribuír tamén a mellorar as condicións onde estamos a traballar e botamos moitas horas da xornada. O financiamento é a chave de todo e ten que ser axeitado.

Máis talento e menos burocracia na UDC

Ricardo Cao asumirá en xaneiro o goberno da UDC, unha universidade que "incrementou moito as súas cifras de proxectos de investigación e de investigadores captados, pero que debe mellorar en retención de talento". Nos últimos anos, apunta, "a UDC aumentou tamén en transferencia e a relación coa empresa, mais ten pendente que o Consello Social sexa un elemento dinamizador da transferencia ao tecido produtivo".

Cao identifica, ademais, unha universidade cunha carga de procesos administrativos moi pesada que hai que alixeirar e que aspira a ser "máis participativa, que poña as persoas no foco, para se converter nun elemento indispensábel para pór en valor o coñecemento científico e o espírito crítico".