Entrevista

Ricardo Cao, reitor da UDC: "Se alguén ve un problema que impartamos Medicina, gustaríame escoitar que argumentos ten en contra"

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, esta quinta feira, no seu despacho. (Foto: Arxina)
A aposta da UDC por impartir unha titulación propia de Medicina provocou unha resposta dunha magnitude que Ricardo Cao (A Coruña, 1965) non agardaba. O reitor recibe 'Nós Diario' no seu despacho e defende que a súa proposta, que racha cun pacto de descentralización que considera "incumprido", non pretende competir, senón complementar, a oferta actual da USC.

—Dez anos despois do 'pacto pola descentralización', vostede anunciou o pasado mes a súa intención de impartir unha titulación propia. Que mudou nestes anos para provocar este xiro drástico?
En 2015 houbo un acordo que, desgraciadamente, apenas se implementou. Estaba prevista unha descentralización do ciclo clínico de Medicina completo; é dicir, 4º, 5º e 6º curso. Mais hoxe temos só 6º descentralizado, e iso xa existía antes do acordo. En 10 anos apenas se avanzou. E que cambiou? Non só que o acordado non se fixo, senón que a situación mudou bastante e esa descentralización tería que ser aínda máis clara e máis importante.

Ao pouco de entrar como reitor propuxen no Consello de Docencia Clínica crear un grupo de traballo para tratar de activar ese acordo. Pero non se solucionou o problema. De feito, nos últimos meses os movementos foron practicamente na liña oposta ao acordo.

Nós xa temos unha Facultade de Ciencias da Saúde, e un dos motivos da súa creación fora precisamente acoller a titulación de Medicina. Hoxe xa ofrece outros graos e mestrados do ámbito sanitario e o programa de doutoramento: na UDC formáronse doutores en Medicina por centos nos últimos anos. É natural que nós pretendamos axudar implantando a titulación de grao e o mestrado. Queremos, moi construtivamente, aportar ao sistema, sermos útiles.

—Cre que faltou vontade para aplicar o acordo?
Non son quen de pór a culpabilidade en nome de ningunha persoa concreta. Eu lembro a sinatura do pacto con ilusión, porque ter a docencia realmente descentralizada era unha cuestión moi importante para a UDC. Temos un instituto de investigación sanitaria, o Inibic, e un total de 37 grupos investigadores que colaboran estreitamente no ámbito da saúde. Temos unha potencialidade moi forte, máis aínda cando está prevista unha ampliación do Hospital da Coruña (Chuac).

O reitor da UDC, Ricardo Cao, no seu despacho. (Foto: Arxina)

—Entendo que o apoia o Chuac.
Nós tivemos moitos contactos con diferentes colectivos, e obviamente tamén con persoal do Chuac. Actualmente na UDC impártese o 6º curso, por parte de persoal con prazas vinculadas, que teñen dobre condición: funcionario do sistema sanitario e do universitario. E tamén isto mudou para mal, pois en 2001 tiñamos 24 prazas, a metade de áreas médicas, e agora son nove.

En paralelo, como se traballou moi ben, agora mesmo hai dentro do Chuac unha bolsa importante de persoas acreditadas que poderían ter a condición de profesor universitario. É moi natural que a UDC queira asumir máis docencia; temos os vimbios para iso.

—Nas últimas xuntanzas do Consello de Docencia Clínica víronse posicións moi distantes. É posíbel aínda reconducir a situación e buscar un consenso?
Creo que fomos moi claros tamén en que sempre estamos dispostos a colaborar. Para iso se acordou constituír un novo grupo de traballo... mais xa constituímos un e desgraciadamente non houbo avances. Dadas as circunstancias, e vendo que o acordo non se cumpriu practicamente en nada en dez anos, seriamos irresponsábeis, desde o meu punto de vista, se non puxésemos enriba da mesa a solución que cremos mellor. Cando hai unha demanda social, e unhas necesidades formativas, nós temos que dar resposta. Construtivamente, sumando... Porque isto non vai contra ninguén, non vai de confrontar con ninguén. Pomos moitos argumentos enriba da mesa, e o localismo non é un deles; tampouco debería selo en contra do que nós propomos. Se alguén lle ve algún problema á nosa proposta, gustaríame escoitar que argumentos ten en contra.

—O sistema sanitario galego, e máis concretamente a Atención Primaria, adoece dunha importante falta de persoal médico e dun elevado envellecemento do mesmo. Solucionaría o problema a súa proposta?
Pode axudar, e moito. Nos dez próximos anos vanse xubilar 30% dos médicos actuais. Nós queremos dar resposta ás necesidades que temos, sociais e formativas. Hai moitas solicitudes para entrar na única Facultade de Medicina que temos na Galiza; 3.000 para 403 prazas.

Pero xa non imos só ao aumento do número de prazas, senón ao que propomos para esta titulación. A Medicina cambiou moito máis nos últimos 40 ou 50 anos que nos 300 previos, e nós temos os vimbios para axudar. Temos bos grupos de investigación no ámbito das TIC, das novas tecnoloxías, da Biomecánica, da Intelixencia Artificial...

O que propomos é complementar, diversificar, dar unha formación que poida abranguer outros ámbitos moi importantes da Medicina actual. Sobre todo, que o ciclo clínico se imparta absolutamente no hospital, un modelo que xa existe en España. E pensamos nun número moderado de prazas; non se trata de replicar unha titulación con 400 prazas de entrada.

—A irrupción da universidade privada de Abanca no ámbito sanitario, e o futuro centro impulsado por Cesuga, precipitaron os acontecementos?
Houbo moitas cousas que nos fixeron tomar esta decisión, e unha delas foi esta, evidentemente. A universidade pública ten unha responsabilidade ineludíbel de cara á formación de profesionais. Moitos estudantes que quedan fóra de Medicina non teñen os recursos económicos para ir á privada, e temos que dar unha resposta a iso.

"Ninguén dubida que todas as prazas de Enfermaría son necesarias"

Desde 2015, subliña Ricardo Cao, mudaron moitas cousas. E unha delas foi a irrupción dun novo xogador neste taboleiro: a universidade privada. A impulsada por Abanca xa avanzou a súa intención de ofrecer o Grao de Enfermaría e outros relacionados co ámbito sanitario. Sería a novena titulación desta especialidade da Galiza. "E ninguén pon en dúbida que todas esas prazas son necesarias; e máis que serían. As asimetrías que percibo ás veces no tratamento da información son bastante chocantes. Sorprendeume a magnitude da resposta", replica o reitor da UDC, comparando o caso do centro privado coa súa proposta de impartir Medicina. "Pero creo que é moi bo que a cidadanía coñeza estes temas, forme opinión e participe. As universidades temos que ser axentes activos; non é algo negativo", conclúe.