O conselleiro de Sanidade deixa en mans do grupo de traballo a decisión sobre o grao de Medicina na Coruña

Representantes das tres universidades galegas e o conselleiro de Educación, reunidos o 12 de xuño. (Foto: Xunta da Galiza)
O conselleiro de Sanidade, Antonio González Caamaño, deixou esta quinta feira en mans do grupo de traballo, con persoal das áreas sanitarias e das universidades, a decisión sobre unha futura facultade de Medicina na Coruña. Ao mesmo tempo, o Pleno de Vigo aprobaba por unanimidade solicitar á Xunta da Galiza eses estudos para a cidade olívica.

A reunión do Consello de Universidades en Compostela, na que participaron os seus máximos responsábeis xunto ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e unha conferencia do reitor da UDC, Ricardo Cao, na Coruña, auguraban esta quinta feira unha xornada con novidades sobre a implantación dos estudos de Medicina na cidade herculina, mais non foi así. Porén, si quixo opinar da cuestión o conselleiro de Sanidade, Antonio González Caamaño, horas despois de que o Pleno de Vigo aprobara por unanimidade solicitar á Xunta estes estudos para a cidade.

Durante a visita que realizou ás instalacións do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, o conselleiro asegurou que a decisión á petición da UDC estaba "en mans do grupo de traballo, integrado por persoal das tres áreas sanitarias e das tres universidades galegas". O conselleiro defendeu que "a postura da Xunta neste punto é clara, que toda persoa que vaia formarse en Medicina en Galiza teña á súa disposición os mellores recursos, infraestruturas sanitarias, persoal e avances tecnolóxicos", manifestou.

Neste sentido, sobre o obxectivo de chegar a un acordo, explicou que "o importante é negociar" neste novo grupo de traballo,  "para desatascar esta situación e atopar a mellor solución a este problema".

Acordo unánime en Vigo

A primeira hora da mañá era o Pleno de Vigo quen aprobou por unanimidade solicitar a facultade de Medicina na Universidade de Vigo (UVigo). A iniciativa era o único punto na orde do día e todos os grupos políticos coincidiron, con matices, en votar a favor. O portavoz municipal, Carlos López Font, rexeitou “solucións intermedias” e “axustes”, mentres que o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, preguntouse por que agora o Goberno local demanda a facultade de Medicina e non outras titulacións como Xornalismo ou Arquitectura. 

Desde o PP, Luisa Sánchez criticou o "oportunismo político" dos socialistas en relación á petición da facultade e, na quenda de fechamento, o alcalde, Abel Caballero, insistiu en reivindicar o "dereito" de Vigo "a ter a súa propia titulación" de Medicina, malia que o reitor da Uvigo, Antonio Reigosa, non a solicitou.  

Prado con Santiago

Tamén esta quinta feira se referiu á cuestión a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, para pedir "deixar de lado os localismos" ante as peticións de impartir Medicina nas universidades da Coruña e Vigo e apuntou que hai que aspirar a que a facultade de Santiago "siga sendo" a máis grande. 

Nunha rolda de prensa, lembrou que a Xunta e as tres universidades públicas deron, esta semana, "un paso adiante" para recuperar "o espírito de cooperación" nos estudos de Medicina. "Confío en que, en frío, cheguemos a unha conclusión que sexa positiva. Hai que pensar Galiza en grande e deixar á parte os localismos", dixo.

17.102 prazas universitarias

As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso catro dobres graos e 12 másters de nova implantación, dentro das 17.102 prazas universitarias totais dispoñíbeis, tal e como avaliou o Consello Galego de Universidades na reunión de onte. Tras este encontro, presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, a Xunta da Galiza explicou nun comunicado as principais novidades á espera de que sexan ratificadas polo Goberno español e a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Así, informaron que dos catro dobres graos que comezarán en setembro, tres serán pola Universidade de Vigo (UVigo), no Campus de Ourense: Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial; Enxeñaría Agraria e Ciencias ambientais; e Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Ademais, aprobouse a implantación do Grao en Dereito pola Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), propiedade de Abanca. 

No que respecta aos máster, autorízanse 12: dous da Universidade da Coruña (UDC), tres da Universidade de Santiago de Compostela (USC), dous da UVigo e outros cinco compartidos polas tres. Ademais aprobouse a gratuidade da matrícula universitaria para o alumnado de grao a partir de setembro.