A Ribeira Sacra, as Serras do Oribio e O Courel xa forman unha nova reserva da biosfera

Un home participa na vendima na Ribeira Sacra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Unesco, que hai escasos meses rexeitou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, aprobou a declaración deste conxunto natural con esa figura de protección. A incorporación destes terreos como reserva fai que perto do 35% do territorio galego teña este recoñecemento.

O Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco vén de aprobar a declaración da candidatura da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como nova Reserva da Biosfera.

Na sesión decorrida esta cuarta feira na cidade de Abuja (Nixeria), o secretario do Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco, Francisco José Cantos Mengs, agradeceu o recoñecemento internacional e sinalou que, con esta nova declaración, o Estado español vén a reforzar o compromiso co programa MaB e coa "conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentábel".

Cantos Mengs salientou que en España existen 53 reservas da biosfera, que ocupan o 12% do territorio. Nestas áreas teñen os seus fogares case dous millóns de persoas.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tamén tivo unha comparecencia telemática, fixo fincapé na importancia desta decisión quer para Galiza, quer para os 23 concellos que quedan integrados nesa contorna (onde viven unhas 75.000 galegas).

Gran parte do territorio galego

Na súa intervención comentou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta na Galiza con este recoñecemento increméntase até chegar a case o 35% de todo o territorio, pero tamén suporá que o 42% do país quede amparado baixo algunha figura de protección, "afianzando o recoñecemento e a riqueza do patrimonio natural galego en todo o mundo".

De feito, a xa Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande no territorio, xa que abrangue unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo Río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.

As outras zonas recoñecidas oficialmente pola Unesco son: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Esta última candidatura levaba, segundo Vázquez, catro anos de camiño. Finalmente a Unesco aceptou o recoñecemento tan só uns meses despois de que o Icomos, o seu organismo asesor, tirara para atrás a concorrencia da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.