REFORMA EDUCATIVA

Rezar e recoñecerse "incapaz", obrigas do estudantado de relixión católica

O BOE fai públicos os currículos escolares da materia para Primaria, Secundaria e Bacharelato. As oracións na aula serán avaliábeis.

 

O Ministerio de Educación español aprobou os currículos académicos de relixión católica para os cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato. As mudanzas nos contidos visan adaptar a materia á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE) que obriga a todos os centros públicos a ofertala, embora a súa matriculación sexa voluntaria. 

Neste senso, algunhas das principais modificacións pasan por devolver os rezos e oracións ás aulas como requirimento para aprobar a asignatura. E é que o estudantado de relixión terá que demostrar as súas capacidades para "memorizar e reproducir fórmulas sinxelas de petición e agradecemento" no primeiro ano da antiga EXB, con 6 anos. 

Nun curso máis, será avaliado a respeito da súa capacidade para se expresar "oral e xestualmente agradecemento a deus". Aliás, incorpórase como "criterio de avaliación" o recoñecemento por parte das crianzas da "incacidade da persoa para alcanzar por si propia a felicidade". Así o recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE) na súa edición da terza feira (24 de febreiro). 

No currículo desaparecen, asemade, as comparacións entre crenzas relixiosas e mencións a outras fes como o Islam ou o Budismo que, con anterioridade, si aparecían nos contidos desta materia en Bacharelato. 

Os bispos critican

Malia a todo, os bispos saíron ao paso para criticar as carencias que ao seu entender ten a nova lei e os contidos aprobados para a materia. Aseguran, sinalaron desde a Conferencia episcopal, que coidan insuficiente o tratamento da relixión no conxunto de materias.

Asemade, afirman, a LOMCE non garante o dereito das familias a formaren nesta crenza as súas crianzas como tampouco partillan o número de horas que durarán as aulas.