Rexistrado na comarca de Lugo o morcego máis grande atopado na Galiza

O nóctulo grande atopado nas Insuas do Miño (Foto: Nós Diario).

Trátase dunha femia de nóctulo grande, unha especie migradora que posúe o récord de distancia de migración para un morcego en Europa

As Insuas do Miño, que percorren os municipios de Rábade e Outeiro de Rei (comarca de Lugo) contan cunha especie de morcego considerada a máis grande atopada na Galiza.

A noticia saltou tras o achado que tivo lugar nunha visita dun grupo de escolares de 5º de Primaria do colexio Andaina da Coruña ás Insuas do Miño, propiedade da Deputación de Lugo, para coñecer e participar no proxecto de estudo e seguimento destes animais que realiza Morcegos da Galiza en colaboración coa Asociación Galega de Custodia do Territorio

O nóctulo grande é a especie europea de morcego de maior tamaño. É migradora, especialmente as femias, que poden viaxar até varios miles de quilómetros entre os lugares de cría e de invernada. De feito, hai poucas semanas publicouse o récord de distancia percorrida por un morcego en Europa, que corresponde, xustamente, a un exemplar de nóctulo grande, que percorreu 2.515 quilómetros en liña recta desde Rusia até o norte de Italia.

Trátase ademais da única especie europea que inclúe vertebrados na súa dieta, xa que se alimenta parcialmente de pequenas aves que voan na noite durante a migración.

Na revisión realizada por Morcegos da Galiza e o colexio Andaina atopouse un pequeno grupo, composto por un macho e dúas femias, nunha caixa refuxio. O final do verán e o outono é a época de apareamento nos morcegos, e nesta especie o habitual é que un macho defenda un refuxio ao que trata de atraer ás femias, polo que se forman estes pequenos grupos.

Para saber o tamaño dun morcego emprégase como medida de referencia a do seu antebrazo. Para unha das femias atopadas rexistrouse una medida de antebrazo de 69,5 mm, a maior rexistrada até o momento na Galiza.

A participación do colexio Andaina forma parte dun proxecto de ciencia cidadá co que a Asociación Galega de Custodia do Territorio, neste caso en colaboración con Morcegos da Galiza, trata de facer partícipe á cidadanía galega dos traballos de investigación que se desenvolven nas Insuas do Miño, no marco do acordo de custodia que esta entidade mantén coa Deputación de Lugo, propietaria dos terreos.

Descoñécese de onde veñen nin a onde van as femias de nóctulo grande que pasan no outono polas Insuas do Miño, onde si viven machos residentes todo o ano, un aspecto de interese para futuras investigacións.